Medio Rural promociona os produtos agroalimentarios galegos con certificación ecolóxica na oitava edición de Biocultura
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na inauguración deste evento, no que a Consellería participa da man do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia para apoiar a presenza dunha vintena de operadores
Ademais de contar con postos propios, os produtores teñen a oportunidade de presentar as súas elaboracións e participar en actividades culturais relacionadas coa produción ecolóxica, catas e demostracións de cociña
Este tipo de eventos teñen consecuencias positivas porque permiten que os produtos agroalimentarios galegos cheguen a novos consumidores e perfís profesionais
A Coruña, 6 de marzo de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na inauguración da oitava edición da feira Biocultura, que se está a celebrar esta fin de semana na cidade da Coruña, onde destacou a importancia deste tipo de eventos para promocionar os produtos galegos de calidade diferenciada, especialmente daqueles que contan con certificación ecolóxica.
A Consellería do Medio Rural participa no evento da man do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, e de xeito conxunto coordinan a presenza dunha vintena de produtores galegos acollidos a este distintivo, que amosan a amplitude da nosa despensa. Ademais de contar con postos propios a través dos cales achegar as súas elaboracións aos consumidores, os produtores teñen a oportunidade de presentalas e participar en actividades culturais relacionadas coa produción ecolóxica, catas e demostracións de cociña, entre outras.
As actividades previstas para o día de hoxe son un almorzo-taller de alimentación e cociña sostible; e clases de cociña para aprender a incluír algas nos menús diarios, froitas ecolóxicas e froita ecolóxica deshidratada.
Biocultura
Nesta oitava edición Biocultura está xa a consolidarse como unha das feiras máis importantes de ecoturismo e produtos ecolóxicos no ámbito nacional. O seu obxectivo é converterse nun referente en turismo sostible en España. Neste 2026 contan cuns 150 expositores vencellados cos sectores da alimentación bio -con máis de 10.000 referencias-, ecoturismo, cosmética ecolóxica, moda sustentable, fogar e benestar, entre outras. De xeito paralelo á exposición celébranse máis de 150 actividades e espérase superar os 13.000 visitantes.
Este tipo de eventos teñen consecuencias positivas porque permiten que os produtos agroalimentarios galegos cheguen a novos consumidores e perfís profesionais. Estas iniciativas enmárcanse no Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, que este ano incrementou o orzamento ata os 10 millóns, dous máis que en 2025.