A delegada da Xunta visitou hoxe o concello de Oza-Cesuras para supervisar as melloras realizadas no camiño de Burricios
Belén do Campo destaca que a Xunta destina máis de 416.000 € á mellora de camiños en 14 concellos da comarca de Betanzos
A delegada da Xunta informou que a orde financia actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación
A representante do Goberno autonómico salientou a importancia desta medida, xa que os camiños rurais “estruturan o territorio e resultan esenciais para a dinamización social e económica do rural”
Oza-Cesuras (A Coruña), 6 de marzo de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González, visitou esta mañá as actuacións de mellora executadas no camiño de Burricios ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026 que tamén inclúe intervencións nos caminos de Rexidoira, O Val de Deus, en Igrexa de Rodeiro e en O Seixo, en total a lonxitude total das actuacións é de arredor de 2,3 quilómetros de aglomerado en quente, os traballos tamén incluiron intervencións como limpeza de cunetas, barrido da calzada ou sinalización. Estes traballos contaron cun investimento da Xunta superior aos 94.000 euros na convocatoria 2025-2026. O rexedor confirmou que tamén presentou un novo proxecto para a convocatoria 26-27.
No que respecta á comarca de Betanzos, foron beneficiarios 14 municipios —Abegondo, Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Sobrado, Vilarmaior e Vilasantar— que sumaron máis de 416.000 euros en axudas. No conxunto da provincia da Coruña, na convocatoria 2025-2026, un total de 86 concellos recibiron achegas da Consellería de Medio Rural por un importe global de máis de 2,8 millóns de euros.
Peche do prazo da nova orde 2026-2027
Durante a visita, a delegada lembrou que onte, xoves 5 de marzo, quedou pechado o prazo para solicitar as axudas da nova orde correspondente ao período 2026-2027, dotada con preto de 19 millóns de euros en réxime de concorrencia non competitiva.
A representante do Goberno galego explicou que poden optar a estas achegas todos os concellos da comunidade. As subvencións están destinadas a financiar actuacións de ampliación e mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Para estes efectos, considéranse incluídas tanto as vías internas dos núcleos como aquelas que conectan distintos lugares entre si ou coa rede principal.
Entre as actuacións subvencionables figuran, no caso das ampliacións, as intervencións que supoñan un incremento da largura do camiño para mellorar a seguridade viaria, facilitar o cruce de vehículos ou actuar en puntos de escasa visibilidade, curvas ou entroncamentos. Tamén poderán contemplarse prolongacións que permitan dar continuidade ata enlazar cunha estrada ou outro camiño.
No caso das melloras, inclúense reforzos do firme mediante novas capas adaptadas ás características do tráfico, así como actuacións en materia de drenaxe, seguridade viaria, estabilización de taludes con muros ou estruturas de contención, adecuación de pasos sobre cursos fluviais, mellora de cunetas, integración ambiental ou renovación da sinalización.
Criterios de distribución
O reparto dos fondos realízase asignando a cada concello unha contía fixa que se modula segundo distintos criterios, como a localización, o nivel de despoboamento, a superficie municipal e o coeficiente de agrariedade, baseado en datos socioeconómicos vinculados á actividade agraria, eixo fundamental do desenvolvemento rural.
Cada concello pode presentar un máximo de dous proxectos, cun límite de tres actuacións por proxecto. Enténdese por actuación a intervención nun mesmo camiño ou en varios sempre que exista continuidade física entre eles. O orzamento de execución material de cada actuación deberá ser igual ou superior aos 6.000 euros.
A delegada subliñou a relevancia desta liña de axudas, ao considerar que os camiños rurais “estruturan o territorio e resultan esenciais para a dinamización social e económica do rural”. Ademais, destacou que desde 2016, e unha vez rematadas as actuacións da convocatoria 2025, terase intervido en preto de 6.700 camiños en toda Galicia, cunha lonxitude aproximada de 5.200 quilómetros e un investimento acumulado que rolda os 156 millóns de euros.