A Xunta presenta unha guía para fortalecer a convivencia e a inclusión nos colexios e institutos

A directora xeral Judith Fernández dá a coñecer no Instituto do Milladoiro a Guía para a abordaxe dos problemas de conduta no ámbito educativo

No documento trátase como xestionar estes problemas e proponse aproveitar os conflitos como unha oportunidade para a aprendizaxe e a mellora

A guía responde a unha das prioridades do Goberno galego de blindar os centros como espazos seguros e de confianza para o alumnado

Ames (A Coruña), 6 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia vén de poñer a disposición dos colexios e institutos no día de hoxe a Guía para a abordaxe dos problemas de conduta no ámbito educativo, unha nova ferramenta enfocada a fortalecer a convivencia escolar e erradicar as condutas negativas neste eido. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse ao Instituto IES do Milladoiro, en Ames, para presentar esta guía no marco da Estratexia galega de convivencia escolar.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou que o obxectivo desta iniciativa é ofrecer un marco claro para traballar de maneira coordinada e efectiva a prol dun bo clima nas aulas, a través duns principios fundamentais que orientan as actuacións e serven de base para a xestión da convivencia.

“Este enfoque propón aproveitar os conflitos que poidan xurdir nos centros escolares como oportunidades de aprendizaxe e mellora”, sinalou a directora xeral, que puxo énfase na importancia da participación e implicación activa de alumnado, do profesorado e tamén das familias para “crear normas e acordos compartidos”.

Prevención, intervención e seguimento

Así pois, esta nova guía da Consellería de Educación aborda como xestionar os problemas de conduta a través dun enfoque multicausal onde se teñan en conta factores persoais, sociais e contextuais. Tamén incide na importancia de aportar estratexias integrais que combinen prevención, intervención e seguimento. Ademais, inclúense recomendacións prácticas para intervir de forma coherente e respectuosa, fomentando a responsabilidade e a resolución pacífica de conflitos.

A guía incorpórase ao abano de iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para asegurar un dos seus obxectivos prioritarios que é o de blindar os centros escolares como espazos seguros e de confianza para o alumnado. Non en balde este curso intensificáronse este tipo de medidas a disposición da comunidade educativa como son o Termómetro Acoso Escolar, o Protocolo contra a violencia no ámbito educativo ou o proxecto Acordamos Convivir, entre outros, que se suman a outros como os Puntos Laranxa ou a prohibición do uso dos móbiles nos centros.

Ademais, estase ultimando a posta en marcha da Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, que permitirá reforzar a cooperación das administracións á hora de sensibilizar, previr, formar e resolver posibles casos de acoso escolar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2026