Un total de 271 concellos solicitaron xa adherirse ao convenio de xestión da biomasa de Medio Rural
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, presidiu a comisión de seguimento deste acordo, asinado entre a Consellería e a empresa pública Seaga
Para garantir a realización de traballos este ano, os municipios deben formalizar a súa adhesión antes do 21 de marzo, co fin de poder planificar as actuacións, cuxo plan de traballo han de presentar como máximo o 31 do mesmo mes
Santiago de Compostela, 9 marzo de 2026
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, presidiu esta mañá a comisión de seguimento do convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga. Nesta xuntanza avaliouse o convenio e púxose en valor que a día de hoxe son xa 271 os concellos galegos que solicitaron a súa adhesión a este acordo, é dicir, preto do 87 % do total.
O encontro de traballo tivo lugar tras as diferentes reunións celebradas a semana pasada entre representantes da Xunta e alcaldes, co fin de informalos das vantaxes e novidades desta adhesión e animalos a formalizala, unha posibilidade que está aberta en todo momento, malia que se aconsella aos municipios que se incorporen antes do vindeiro día 21 deste mes de marzo para poder planificar as actuacións. Así mesmo, nas devanditas xuntanzas tamén se lles lembrou que o 31 de marzo, como moi tarde, deben remitir á Xunta o plan de traballo coas actuacións solicitadas nos seus territorios.
Cómpre sinalar que o novo convenio inclúe importantes novidades en comparación cos acordos asinados con anterioridade nesta materia. Desta forma, increméntase o orzamento ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas dotado con 10 millóns por anualidade.
Ademais, refórzase o apoio a concellos, especialmente a aqueles de menos de 10.000 habitantes, e a particulares. A maiores, vaise promover tamén a realización, de xeito áxil, das execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas, en liña co disposto na Lei de medidas que acompaña aos Orzamentos de 2026.
Incremento das parroquias priorizadas
Nesta mesma liña, e co fin de fortalecer este convenio, incrementarase o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276. As priorizadas son aquelas parroquias nas que os particulares teñen a opción de contratar a Seaga directamente para as rozas por un importe de 420 euros por hectárea.
A maiores, cómpre lembrar que se continúa a ofrecer a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano -fóra desas parroquias catalogadas como priorizadas- e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se ampliará o subministro de especies que axuden a construír unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias sucesivas limpas desas parcelas.
A través de Seaga, os concellos adheridos terán á súa disposición axuda para a revisión ou modificación do plan municipal de prevención; así como de apoio para realizar as inspeccións e notificacións aos titulares das fincas.
Por último, cabe mencionar que a comezos deste ano iniciouse o proceso de contratación dos primeiros lotes de traballo ao abeiro deste novo convenio. Trátase de 12 lotes por un importe de 6 millóns de euros, IVE incluído, que permiten actuar, no conxunto de Galicia, en preto de 1.900 hectáreas, chegando a máis de 37.000 parcelas, naqueles concellos que se sumen ao acordo.