O conselleiro de Sanidade clausurou esta mañá a xornada Enfermidades Raras en Galicia: da Estratexia á Acción
Gómez Caamaño anuncia a próxima posta en marcha dun proceso asistencial integrado para pacientes de hipertensión arterial pulmonar no Servizo Galego de Saúde
O titular de Sanidade destacou hoxe o obxectivo da Xunta de incrementar cada ano un 2 % o número de inscricións no Rexistro galego de enfermidades raras, así como optimizar os tempos de diagnóstico e facilitar o acceso aos tratamentos
Avanza que antes do verán se ofrecerán as primeiras formacións específicas para facultativos sobre o funcionamento do rexistro, co fin de aumentar o coñecemento da realidade sobre estas doenzas en Galicia
O Executivo galego investirá 400 millóns de euros durante os vindeiros cinco anos para mellorar a calidade de vida das persoas que sofren estas doenzas
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou esta mañá que o Servizo Galego de Saúde está a ultimar a posta en marcha dun novo Proceso Asistencial Integrado destinado aos pacientes con hipertensión arterial pulmonar no Servizo Galego de Saúde.
Durante a clausura da xornada Enfermidades Raras en Galicia: da Estratexia á Acción, o titular da carteira sanitaria da Xunta destacou a relevancia da Estratexia Galega en Enfermidades Raras, unha folla de ruta coa que busca optimizar a asistencia e os coidados que o sistema sanitario público lle presta ás persoas que padecen este tipo de enfermidades.
Dotada cun orzamento de 400 millóns de euros para os vindeiros cinco anos, a Consellería de Sanidade impulsa unha serie de medidas que perseguen optimizar os tempos de diagnóstico e facilitar o acceso aos tratamentos.
O conselleiro salientou o obxectivo específico da nova Estratexia de aumentar cada ano un 2 % o número de inscricións no Rexistro galego de enfermidades raras. Con ese fin avanzou que antes do verán se celebrarán as primeiras formacións específicas para profesionais sobre o funcionamento do rexistro, co fin de contribuír a un maior coñecemento sobre a realidade destas doenzas en Galicia.
Ademais, apuntou como outra das metas destacadas a de reducir nun 30 % o tempo de espera para acceder ás probas e aos estudos xenéticos de diagnóstico.
Nesta liña, e para fortalecer a prevención secundaria, salientou que Galicia ampliará o cribado neonatal con 12 novas patoloxías, engadíndose estas ás 37 enfermidades que xa se avalían na actualidade.
Desde o ano 2021, no que comezaron a funcionar as tres unidades multidisciplinares para a atención das enfermidades raras, o Servizo Galego de Saúde atendeu un total de 8.800 consultas.
Así mesmo, remarcou o punto de inflexión que suporá para a atención pediátrica a posta en marcha do novo servizo de rehabilitación domiciliaria para nenos con enfermidades raras. Un servizo que se desenvolverá en colaboración coa Federación Galega de Enfermidades Raras (FEGEREC) e que contará coa supervisión de rehabilitadores e traballadores sociais.
Xunto con esta medidas, Gómez Caamaño confirmou a incorporación da tecnoloxía robótica nos servizos de rehabilitación hospitalaria das sete áreas sanitarias.
"Espazos como este son necesarios para reflexionar sobre a nosa capacidade de ofrecer respostas máis equitativas ante patoloxías que nos poñen a proba", concluíu o titular de Sanidade, agradecendo o labor de FUNDAMED (Fundación de Ciencias del medicamento y productos sanitarios) e de FEGEREC (Federación Gallega de Enfermedades Raras y Crónicas) na visibilización destas doenzas.