A Xunta dá luz verde ambiental a un campamento de turismo no Concello de Cerdedo-Cotobade
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
A nova instalación, cunha superficie de 236 m2, constará de 10 tendas tipo glamping e 15 parcelas para autocaravanas, cunha capacidade para 100 prazas en total
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para a construción dun campamento de turismo na parroquia de Borela, no concello de Cerdedo-Cotobade. O fin do promotor é implantar un novo establecemento hostaleiro no municipio con 10 tendas de tipo glamping e 15 parcelas para autocaravanas, cunha capacidade para 100 prazas.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o entorno derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de 11 organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicións que se engaden ás incluídas no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais, solo e infraestruturas, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo —neste caso, a Axencia de Turismo de Galicia— e daráselle publicidade nos próximos días a través dun anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
En canto ao proxecto, promovido por Finca Galicia Aventura, SL, cómpre indicar que se busca a implantación dun novo campamento de turismo con capacidade para 100 prazas en total e estruturado en 10 tendas de glamping sobre forxado elevado de madeira e 15 parcelas reservadas para caravanas e autocaravanas.
Ademais dos espazos destinados a aloxamento e a vehículos, o campamento disporá tamén de zona de recepción para hóspedes, aparcadoiro, oficina para o persoal, dous bloques de aseos e duchas, soportal para caravanas, tenda e máquinas expendedoras, entre outros servizos.
A superficie ocupada polas diferentes zonas e parcelas en que se estrutura o campamento proxectado acadará os 6.788 m2, cunha superficie construída de 236 m2.