A Xunta destaca que a feira FormaTea de Ponteareas mellora a orientación académica e profesional do alumnado

A directora xeral de FP e o delegado da Xunta en Pontevedra participan na primeira xornada desta cita á que acoden medio millar de estudantes

Ponteareas (Pontevedra), 11 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia destacou hoxe o papel da feira educativa FormaTea como ferramenta para mellorar a orientación académica e profesional do alumnado e dar a coñecer a ampla oferta da contorna. No encontro participan máis de trinta centros e institucións educativas e prevese a asistencia de preto de medio milleiro de estudantes. Así o puxeron de manifesto a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, na primeira xornada, onde subliñaron a importancia de crear espazos de encontro.

Os centros participantes presentan aos asistentes as súas propostas formativas e proxectos pedagóxicos, o que permite dar visibilidade ás boas prácticas que se desenvolven nas aulas e favorecer que o estudantado coñeza de primeira man as diferentes opcións educativas e profesionais ao seu alcance. Neste sentido, os representantes autonómicos destacaron que encontros deste tipo contribúen a mellorar a toma de decisións do alumnado sobre o seu futuro académico e profesional.

Os representantes da Xunta animaron tamén á cidadanía a achegarse á feira, lembrando que a nova Lei de aprendizaxe permanente abre novas oportunidades para que as persoas adultas poidan actualizar e adaptar a súa formación aos cambios sociais, tecnolóxicos, académicos e laborais. “Mostras como FormaTea permiten coñecer directamente as posibilidades existentes e descubrir novas oportunidades de cualificación e mellora profesional”, sinalaron.

Lembraron, ademais, que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP impulsa desde o pasado ano un calendario de feiras baixo a marca Galicia Educa, coas que colabora e que comparten obxectivos con iniciativas como FormaTea. Segundo explicaron, “Galicia Educa funciona como un escaparate do talento e da capacidade innovadora dos centros galegos, ao reunir nun mesmo espazo proxectos pedagóxicos, iniciativas tecnolóxicas e experiencias creativas impulsadas polo alumnado”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2026