Medio Rural cobre toda a matrícula e formará 25 alumnos na primeira edición da Escola de Pastores

A conselleira María José Gómez participou en Xinzo de Limia no inicio desta novidosa actividade formativa, na que colaboran a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), a Fundación La Caixa e o Inorde

O principal obxectivo é dar resposta á demanda de persoas que ven no sector agrogandeiro unha oportunidade real de futuro, e afrontar o reto da remuda xeracional no sector primario e impulsar a protección do territorio

Os alumnos matriculados foron seleccionados entre máis de 40 persoas interesadas en participar e recibirán docencia tanto teórica como práctica por parte dun equipo de profesores e profesionais con ampla experiencia na materia

Xinzo de Limia (Ourense), 12 de marzo de 2026

A Consellería do Medio Rural cobre toda a matrícula e formará 25 alumnos na primeira edición da Escola de Pastores, organizada por este departamento a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). A titular de Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da devandita Axencia, Martín Alemparte, interveu hoxe en Xinzo de Limia no inicio desta iniciativa formativa, na que tamén colabora a Fundación La Caixa e o Inorde.

Esta escola ten como principal obxectivo dar resposta á demanda de persoas que ven no sector agrogandeiro unha oportunidade real de futuro e, ademais, afrontar o reto da remuda xeracional no sector primario e impulsar a protección do territorio. Nesta liña, a conselleira salientou precisamente que “cando hai xente con gana de incorporarse ao campo, hai futuro para o rural”.

María José Gómez remarcou na súa intervención o “importante papel” que desempeña o sector ovino e cabrún no territorio galego, xa que “produce alimentos de calidade, axuda a coidar a paisaxe, contribúe a previr incendios e mantén vivo o noso rural”, concluíu.

Os alumnos matriculados foron seleccionados entre máis de 40 persoas interesadas en participar e recibirán docencia tanto teórica como práctica. Así, o programa formativo inclúe en primeiro lugar o Curso de Aptitude Empresarial Agraria, en gandaría extensiva de ovino e caprino, de 250 horas ofrecido por Agacal, que permite obter unha titulación oficial habilitante. Con el, os alumnos poderán traballar por conta allea en explotacións agrarias ou desenvolver a súa propia actividade, ademais de acceder ás axudas de incorporación á actividade agraria que xestiona a Xunta, entre outras.

Deste xeito, segundo sinalou a conselleira, ofrécese unha formación “útil, práctica e pegada á realidade do sector”. Outro dos grandes valores desta escola é o seu equipo docente, integrado por profesores e profesionais con ampla experiencia nos diferentes ámbitos do sector, unhas persoas que desenvolven a súa actividade nas materias que van impartir.

Prácticas e estancias en gandarías

A docencia desenvolverase entre os meses de marzo e xullo no Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia, abordándose aspectos fundamentais para a xestión dunha explotación moderna, con contidos coma os relacionados coa empresas agraria, a xestión técnico-económica, o asociacionismo e a comercialización, a trazabilidade, a prevención de riscos laborais ou a sensibilización ambiental.

Ademais, o programa inclúe tamén formación específica en ámbitos directamente ligados á actividade gandeira, como a agrotecnoloxía, a produción de forraxes e a alimentación do gando, así coma o manexo e a produción de gando extensivo. A maiores, a escola non se limita á formación na aula. Grazas á colaboración entre Ovica e a Fundación La Caixa, os participantes completarán os seus estudos cunha importante parte práctica en explotacións gandeiras, con visitas técnicas, sesións prácticas e estancias en gandarías.

Todo isto confluirá no deseño dun proxecto propio de empresa agraria que terá que elaborar cada alumno e que será presentado ao finalizar o programa. Os participantes contarán para iso co soporte dun proceso de titorización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026