O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe en Santiago no acto organizado co gallo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Usuarias
A Xunta prevé ter lista no primeiro semestre deste ano a nova Estratexia galega de protección das persoas consumidoras 2026-2030
José González destaca as “moitas e boas ideas” recollidas no proceso de escoita activa impulsado para elaborar a Estratexia, agradecendo as persoas e entidades implicadas, así como o alumnado e expoñentes do terceiro sector participantes no acto de hoxe
En concreto, salientan propostas para garantir a protección e equidade nun mercado cada vez máis tecnolóxico e complexo, para o consumo responsable e sostible e para mellorar a xestión, formación e información en beneficio das persoas consumidoras
O conselleiro pon en valor o Instituto Galego do Consumo e da Competencia como referente na resolución de conflitos, no control do mercado a través do Laboratorio de Consumo de Galicia ou na formación grazas á Escola Galega de Consumo
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe no acto de presentación das conclusións extraídas do proceso de escoita activa impulsado pola Xunta para a elaboración da Estratexia galega de protección das persoas consumidoras 2026-2030, un texto que comprometeu para o primeiro semestre deste ano. Con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Usuarias que se celebra esta semana, e acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, e polo presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, o conselleiro destacou as “moitas e boas ideas” recollidas nunha decena de encontros con distintas entidades que —asegurou— se incorporarán á Estratexia para dar resposta aos principais retos no eido do consumo.
Primeiramente, no proceso de escoita considerouse vital garantir a protección e a equidade nun mercado cada vez máis tecnolóxico e complexo, onde se están a producir non só conflitos en materia de consumo, senón tamén fraudes e inseguridades. Nese senso, presentáronse propostas para a creación dun foro de diálogo cos axentes afectados pola transformación dixital, medidas de protección para os menores e para os maiores de 65 anos ou a Intelixencia Artificial como ferramenta a prol da igualdade.
En segundo lugar, co fin de procurar un consumo responsable e sostible, propúxose crear outro foro de diálogo neste ámbito e diferentes accións a prol do consumo local e consciente, garantindo ao tempo a economía circular. Por último, para a mellora da xestión, da formación e da información en beneficio das persoas consumidoras, trasladouse —entre outras cuestións— a necesidade de impulsar a formación en materia de consumo creando unha cualificación específica que deba esixirse para o desempeño de determinados postos, máis formación financeira ou arredor da IA, soportes guiados para persoas maiores en compras online e seguridade dixital ou maior dixitalización da xestión das reclamacións en materia de consumo para mellorar o tempo de resposta e resolución de conflitos.
Compromiso coas persoas consumidoras e usuarias
O conselleiro aproveitou a súa intervención para poñer en valor o traballo das persoas e entidades involucradas na nova Estratexia, así como o das que participaron nas mesas organizadas hoxe sobre educación e o terceiro sector, destacando a importancia de apostar polo consumo local porque garante —dixo— o futuro do noso comercio. Tamén agradeceu a colaboración das federacións e asociacións de persoas consumidoras representadas polo Consello Galego de Persoas Consumidoras e Usuarias, das oficinas municipais de Información ao consumidor e, en definitiva, de todos os axentes que traballan no ámbito do consumo.
Enmarcando a xornada nos actos co gallo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Usuarias que se celebra o próximo domingo 15 de marzo, González sinalou que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia leva todo o mes conmemorando a efeméride a través dun programa divulgativo no que están a participar 10.000 alumnos e alumnas de 115 centros educativos, co que a Escola Galega de Consumo superará con creces neste 2026 a media de 20.000 persoas formadas ao longo do ano. A maiores, mañá celebrarase unha edición especial dos Venres de Consumo Responde e o sábado haberá puntos de información nas prazas de abastos das sete principais cidades, dando a coñecer os dereitos das persoas consumidoras e as ferramentas ao seu dispor para asesoralas, acompañalas e, en último caso, axudalas.
A maiores, cómpre subliñar o papel do Laboratorio de Consumo de Galicia, único laboratorio público estatal acreditado pola ENAC que se erixe como un referente tanto a nivel nacional como internacional no ámbito do control de mercado. De feito, a Fundación estatal para a internacionalización das Administracións Públicas (FIAP) ten solicitado a súa participación nun proxecto europeo en Serbia para transferir alí a nosa experiencia e coñecemento.
En definitiva, todo o Instituto Galego do Consumo e da Competencia é un referente na resolución de conflitos, no control do mercado, na formación e na protección das persoas consumidoras, cunha andaina que supera os 30 anos e nos que se levan atendido preto de 1 millón de consultas e máis de medio millón de reclamacións. Nese sentido, o representante autonómico concluíu destacando proxectos como o pioneiro de reclamación dixital a través de código QR, que se segue espallando por toda Galicia no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.