Lugo acollerá en xullo o I Torneo Internacional organizado pola Escola Luguesa de Xadrez co apoio da Xunta

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da iniciativa, enmarcada nos actos conmemorativos do 30º aniversario da agrupación promotora

Lugo, 12 de marzo de 2026

Lugo acollerá do 13 ao 19 de xullo o I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos, organizado pola Escola Luguesa de Xadrez dentro dos actos conmemorativos do seu 30º aniversario. A Xunta colabora coa iniciativa.

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación das actividades xunto co presidente da agrupación que impulsa o evento, Pablo Castro, e membros doutras entidades implicadas.

A organización destaca que se trata dunha cita de primeiro nivel que reunirá xogadores de distintos países e situará a cidade no mapa mundial do xadrez. As competicións desenvolveranse no auditorio Fuxan os Ventos.

O torneo repartirá importantes premios e será válido para a obtención de normas de Mestre Internacional e Gran Mestre Internacional, así como para o ránking internacional. As oito primeiras partidas retransmitiranse en directo, e tamén se poderán consultar en tempo real os resultados dos demais encontros.

O programa inclúe unha visita guiada para que os participantes teñan ocasión de coñecer a cidade de Lugo. Ademais da competición, promoverase o Xuño Axedrecístico, con actividades gratuítas abertas á cidadanía en diferentes espazos emblemáticos da cidade.

Arias felicitou á entidade organizadora por todos estes anos de traxectoria “inculcando a afección polo xadrez entre moitas xeracións de lucenses”. Subliñou ademais a dimensión turística desta iniciativa, que servirá para promocionar a cidade entre todos os asistentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026