A Xunta analiza co Concello de Ribadeo vías de colaboración para seguir impulsando o comercio de proximidade e a Artesanía de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse esta semana co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, para afondar na colaboración a prol da dinamización do comercio local deste municipio e da difusión do selo Artesanía de Galicia. Dentro do ámbito comercial, é clave o impulso á praza de abastos do concello, un aspecto que está a potenciar a Xunta con apoios que se enmarcan no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 como as axudas para dinamizar e potenciar as prazas de abastos e impulsar a súa certificación como mercados excelentes (2,3 M€). Ademais, o conselleiro destacou ao concello de Ribadeo como referente en dinamización comercial, o que reflicte o potencial desta actividade como vertebradora das rúas da vila.

Con ese fin, na xuntanza ambas partes acordaron estudar distintas vías de colaboración. Un exemplo do labor deste concello a prol dos comercios é a iniciativa O noso comercio é vida. Vive Ribadeo, da Asociación de Comerciantes Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) e unha das cinco campañas de dinamización extraordinarias seleccionadas pola Xunta no 2025 no marco da iniciativa O teu comercio local é extraordinario. Estas entidades foron seleccionadas entre as mellor valoradas na convocatoria de axudas do ano pasado na que se apoiaron un total de 54 centros comerciais abertos de toda Galicia, cun investimento global de 2,3 M€. A edición deste ano destas achegas está dotada con 2,5 M€ e o prazo de presentación de solicitudes remata hoxe. Ademais, na reunión tamén analizaron vías para promover accións para promocionar e dar a coñecer os produtos do selo Artesanía de Galicia da man da Fundación Artesanía de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026