O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP asinou un convenio con entidades de atención á diversidade para o impulso desta novidosa modalidade
A Xunta reforza a FP adaptada para asegurar a formación dos colectivos máis vulnerables e abrirlles portas ao emprego
Román Rodríguez salienta que esta vía formativa “única e exclusiva de Galicia” está pensada para “dar máis oportunidades ás persoas que más o precisan”
O acordo implica a seis colectivos e os centros integrados de FP Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela, Fraga do Eume (Pontedeume) e Manuel Antonio (Vigo)
A través del, habilítanse 14 prazas para cursar módulos de Lavado e secado de roupa e Procesos básicos de pastelaría e repostaría nestes centros
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia reforza a FP Básica Adaptada a través dun convenio de colaboración con entidades de atención á diversidade con propostas formativas dirixidas a persoas con necesidades educativas especiais que implica a participación dos centros integrados de Formación Profesional Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago), Fraga do Eume (Pontedeume) e Manuel Antonio (Vigo).
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, vén de asinar un acordo para desenvolver un proxecto de FP Adaptada para estes colectivos coa Asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual (Aceesca), a Asociación Hogar e Clínica San Rafael, o centro Juan María Asociación Esperanza Valle Miñor, Asociación de pais e nais de persoas con Autismo de Galicia (Aspanaes) de Santiago de Compostela e de Ferrol e Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Aspronaga).
O titular de Educación do Goberno galego salientou que esta FP Adaptada é unha proposta “exclusiva e pioneira de Galicia pensada para dar máis oportunidades ás persoas que máis o precisan”, con formación específica, apoio personalizado e adaptado ás necesidades de cada quen co fin de “favorecer a súa empregabilidade e fomentar a súa inclusión social e laboral”.
Román Rodríguez agradeceu a implicación dos colectivos asinantes do acordo, que se enmarca dentro do reto da Consellería de crear sinerxías entre o sistema educativo e as distintas entidades de educación especial e de atención á diversidade para seguir avanzando nunha das prioridades do Goberno galego de impulsar a integración e na inclusión de todas as persoas a través do ensino.
A través do acordo asinado hoxe, habilítanse un total de 14 prazas para formación específica en FP Básica nas familias de Hostalaría e turismo e Industrias alimentarias. En concreto, trátase dunha praza no módulo de Lavado e secado de roupa que se impartirá no CIFP Compostela e de 13 prazas no módulo de Procesos básicos de pastelaría e repostaría a razón de seis no CIFP Manuel Antonio de Vigo, cinco no CIFP Paseo das Pontes da Coruña e dúas no CIFP Fraga do Eume de Pontedeume.
GPGal360
Precisamente, a través do Plan FPGal360, a FP Adaptada arrancou este curso como unha nova vía de formación co obxectivo asegurar a permanencia dos colectivos vulnerables no sistema educativo, máis aló do ensino obrigatorio. Fíxoo como experiencia piloto cun programa formativo de Comercio no Centro de Educación e Promoción de Adultos Berbés de Vigo.