Xunta, Universidade da Coruña e Concello de Ferrol acordan o calendario para a construción do novo centro de investigación do Campus industrial
O EI3 contará cun investimento de case 14 M€, financiados pola Xunta a través de fondos propios e europeos, e a previsión é comezar as obras a finais deste ano
Asinarase un convenio a finais do mes que vén no que se detallen os compromisos das partes e o cronograma de achegas económicas en función do avance da obra
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, acordaron hoxe o calendario para a construción do novo centro de investigación do Campus Industrial da cidade Departamental, o EI3. Nunha reunión celebrada esta mañá, as tres partes coincidiron na necesidade de darlle o impulso definitivo a esta infraestrutura a través da sinatura dun convenio de colaboración, prevista para finais do vindeiro mes de abril.
O investimento no EI3 ascenderá a case 14 M€ dos que boa parte xa se asignaron á UDC a través de dúas anualidades do Plan de infraestruturas universitarias Consellería de Educación (5,6 M€). O resto procederá de fondos europeos que a Xunta decide consignar a esta nova infraestrutura.
O acordo entre Xunta, UDC e Concello establecerá os compromisos de cada parte, así como o cronograma de achegas económicas que realizará integramente a Xunta de Galicia, en función da evolución das obras. O obxectivo é poder comezar as obras, que teñen un prazo de execución de 2 anos e medio, a finais deste 2026.
Neste momento, a UDC ten xa redactado o proxecto básico do edificio e moi avanzado o proxecto de execución. Unha vez se asine o convenio, a Universidade comprométese a desenvolver canto antes a tramitación administrativa da contratación da dirección de obra e dos propios traballos de construción. Pola súa banda, o Concello de Ferrol asume o compromiso de axilizar ao máximo a concesión da licenza de obra.
Na reunión participaron tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; así como os vicerreitores do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández, e de Infraestruturas e Sostenibilidade, Sonia Vázquez, por parte da UDC; así como a concelleira de Urbanismo, Accesibilidade, Vivenda e Rehabilitación do Concello de Ferrol, Blanca García.