A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o IES Sanxillao de Lugo no marco da iniciativa divulgativa Inspiradores polo clima

Ángeles Vázquez anima á mocidade galega a ser protagonista da acción climática e involucrarse de forma activa na busca de solucións

Incide en que estas charlas promovidas pola Xunta permiten ao alumnado poder coñecer proxectos reais e innovadores que se están a desenvolver en Galicia

O curso pasado estes obradoiros inspiradores chegaron a 480 rapaces e arredor de 30 docentes e na presente edición, como novidade, programaranse visitas de alumnado de FP e universitarios a empresas adheridas á Alianza galega polo clima

O departamento autonómico lanzou no ano 2024 o programa Mocidade polo Clima dirixido a formar, informar e mobilizar fronte ao quecemento global á poboación galega de entre 3 e 35 anos, cun total de 23.700 participantes ata o momento

Lugo, 13 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou esta mañá á mocidade galega a converterse en protagonista da acción climática na Comunidade e involucrarse de forma activa e directa na busca de solucións fronte aos grandes retos ligados ao quecemento global.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a responsable autonómica participou nunha das charlas divulgativas que por segundo curso consecutivo e baixo o paraugas do programa Inspiradores polo clima impulsa o seu departamento entre o alumnado galego.

Ante medio cento de estudantes de 3º da ESO do IES Sanxillao de Lugo, Ángeles Vázquez explicou que Galicia é a comunidade española que máis logrou reducir as emisións contaminantes netas respecto a 1990 (ano de referencia a nivel mundial en materia climática) e segue avanzando cara ao obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040, compromiso asumido a través da nova Lei do clima.

En calquera caso, a responsable autonómica explicou que para lograr unha comunidade neutra en emisións, iniciativas como a charla impartida hoxe pola directora adxunta do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC e un dos fundadores da empresa tecnolóxica 3edata son claves para espertar no alumnado o interese por este tipo de proxectos e “inspiralo” a formar parte do cambio necesario para acadar estes obxectivos xa que, lembrou, eles serán os “profesionais do futuro”.

A charla impartida hoxe no IES Sanxillao é a segunda que se celebra durante o curso 2025-2026 no marco de Inspiradores polo clima. A primeira foi no CPR San José de Pontedeume e contou coa participación dun cento de alumnas e alumnos que puideron coñecer de primeira man o traballo que está a realizar o Clúster Alimentario de Galicia e a empresa especializada en eficiencia enerxética CO2 Smart Tech. O curso pasado cómpre lembrar que estes obradoiros e charlas inspiradoras chegaron a un total de 480 rapaces e a arredor de 30 docentes.

Entre as novidades da segunda edición de Inspiradores polo clima, que terá continuidade noutros centros educativos ao longo do mes de abril, tamén hai programadas accións específicas dirixidas a alumnado de Formación Profesional (FP) e universitarios, que poderán visitar empresas da Alianza galega polo clima para coñecer de primeira man algúns dos proxectos en materia climática nos que están a traballar.

Ademais, celebrarase por primeira vez un gran evento final no que persoas recoñecidas a nivel nacional e internacional pola súa posición de referencia en materia climática compartirán con mozas e mozos de entre 12 e 30 anos as principais accións e investigacións que están a desenvolver neste eido.

Máis de 27.300 participantes

Cómpre lembrar que esta iniciativa se enmarca no programa Mocidade polo Clima, impulsado pola Xunta en novembro do ano 2024 coa previsión de formar, informar e mobilizar fronte ao cambio climático cada ano a miles galegos de entre 3 e 35 anos a través de diversas liñas de acción e actuacións novidosas coas que se busca fomentar o seu talento, capacidade de innovación e solidariedade.

Na práctica, estase a desenvolver como unha estratexia integral dividida en tres eixos de actuación complementarios: formación desde a etapa de educación infantil ata a universitaria a través de programas como MeteoEscolas e Escolas Verdes; información e divulgación canalizada vía visitas con relatores de referencia na materia e iniciativas itinerantes nos principais eventos musicais de Galicia (Van polo clima); e acción climática, a través do fomento da participación activa e do compromiso da mocidade con charlas e actividades en campamentos de verán para nenas e nenos e en campos de voluntariado.

En total e tendo en conta todas as accións desenvolvidas ata o momento baixo o paraugas de Mocidade polo Clima, xa son máis de 23.700 as persoas que se beneficiaron deste programa desde a súa posta en marcha. Ante o éxito de participación e o interese amosado pola comunidade educativa e a mocidade, terá continuidade tamén este ano, con propostas e actividades novas e contidos que se verán reforzados a partir da experiencia acumulada no tempo transcorrido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2026