A Xunta licita por preto de 300.000 euros a subministración de reactivos usados principalmente para estudos de compatibilidade en transplantes de órganos para o laboratorio de inmunoloxía de Vigo

A área de histocompatibilidade do laboratorio situado no Hospital Meixoeiro realiza tamén estudos de susceptibilidade de desenvolver patoloxías como celiaquía, artrite reumatoide ou diabetes

O contrato ten unha duración de 24 meses

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 10 de abril para presentar ofertas

Vigo, 14 de marzo de 2026

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por un importe de 284.846,10 euros, da subministración sucesiva de reactivos necesarios para o laboratorio de histocompatibilidade do servizo de análises clínicas da área sanitaria de Vigo. A contratación inclúe tamén a cesión do equipamento necesario e o seu mantemento.

Os reactivos que empregará o laboratorio do Hospital Meixoeiro son usados principalmente na busca da maior compatibilidade de doador e receptor para evitar un rexeitamento de enxerto no caso de transplante de órgano sólido ou de medula ósea.

Ademais, na actualidade a área de histocompatibilidade ampliou as súas prestacións para dar cabida, entre outros, a estudos da asociación de moléculas de HLA (antíxenos leucocitarios humanos) coa susceptibilidade a desenvolver certas patoloxías con base inmunolóxica ou autoinmune (celiaquía, espondolite anquilosante, narcolepsia, artrite reumatoide, diabetes, retinopatía de Birdshot ou enfermidade de Behcet).

Destínanse tamén á asociación con reaccións adversas a determinados medicamentos ou a estudos de infertilidade e abortos recorrentes.

O contrato ten unha duración inicial de 24 meses, con posibilidade dunha modificación do 20 % do contrato e a ampliación ata 3 anos máis de prórroga. Nese caso, o valor estimado ascende a 635.607 euros.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 10 de abril para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 14/03/2026