O conselleiro de Sanidade interveu na entrega de premios e acto de clausura da IV Xornada galega de saúde pública Premios Faro 2026
Gómez Caamaño destaca o compromiso dos galardoados na primeira edición dos premios Faro por avanzar nun sistema de saúde pública máis forte, innovador e preparado para os retos futuros
Destaca que os galardóns recoñecen o traballo de todos aqueles que contribúen de maneira decisiva á prevención, á promoción de hábitos de vida saudable, á protección da saúde e a mellorar a calidade de vida da cidadanía
Remarca que a saúde se constrúe antes de chegar ao hospital, nas escolas, nos barrios e tamén nas políticas públicas
Subliña que Galicia pode sentirse orgullosa do nivel dos seus profesionais, das súas institucións e dos seus logros en materia de saúde pública, que nos sitúan como un referente neste ámbito
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o compromiso dos 14 colectivos ou institucións galardoados na primeira edición dos premios Faro, co obxectivo de avanzar nun sistema de saúde pública máis forte, innovador e preparado para os retos futuros.
O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu na entrega de premios e acto de clausura da IV Xornada galega de saúde pública Premios Faro 2026.
O conselleiro detallou que estes galardóns son unha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade co propósito de recoñecer o traballo de todos aqueles que contribuíron de maneira decisiva á prevención, á promoción de hábitos de vida saudable, á protección da saúde e a mellorar a calidade de vida da cidadanía.
Gómez Caamaño referiu que os premios recoñecen propostas distintas pero que comparten unha mesma idea, que a saúde se constrúe antes de chegar ao hospital, nas escolas, nos barrios e tamén nas políticas públicas.
Nas súas verbas, destacou exemplos como ao barrio de Teis, ao converterse no motor de cambio e de colaboración socio-sanitaria, ou como unha aplicación de Opromar é capaz de mellorar os hábitos de alimentación. Tamén referiu como o Concello de Ponteareas lidera un proxecto europeo para previr a obesidade infantil.
Xunto ao anterior, Gómez Caamaño dixo que os premios recoñecen iniciativas que miran directamente ao futuro, como o uso da intelixencia artificial no Rexistro galego de tumores, ou programas pioneiros de detección precoz do cancro de pulmón que, dende o centro de saúde do Ventorrillo, abre novas vías para mellorar a prevención e o diagnóstico.
Os premios distinguen, así mesmo, artigos de investigación que sitúan a Galicia no mapa internacional, como o grupo de investigación xenética, vacinas, infeccións e pediatría do IDIS. Ao respecto, o ensaio clínico Galflu é unha mostra clara do potencial científico da nosa comunidade.
Tamén recoñecen estes galardóns a traxectoria profesional do doutor Alberto Malvar, pola súa ampla e destacada traxectoria no ámbito da saúde pública.
Outros premios outorgados reflicten o traballo de todo un colectivo como os profesionais da área sanitaria da Coruña e Cee, por obter a mellor cobertura da vacina fronte á gripe en maiores de 60 anos, ou ao Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, polo seu labor de sensibilización dos máis novos fronte ás infeccións de transmisión sexual.
Galicia, referente en saúde pública
O conselleiro destacou que Galicia pode sentirse orgullosa do nivel dos seus profesionais, das súas institucións e dos seus logros en materia de saúde pública, que nos sitúan como un referente neste ámbito.
Para concluír a súa intervención, Gómez Caamaño agradeceu o seu labor a todas as persoas que cada día traballan no ámbito da saúde pública, posto que, grazas ao seu compromiso e a súa dedicación, a nosa comunidade segue a avanzar cara un sistema máis forte e máis moderno.
O acto concluíu coa intervención da orquestra infantil Son das Flores, do Colexio Vicente Risco de Vigo, iniciativa recoñecida nestes premios, xa que lembra que a promoción da saúde tamén pasa por unha mocidade creativa.
Listado de premiados
- Mellor iniciativa da sociedade civil:
Plan Comunitario de Teis (Vigo), polo seu traballo comunitario en promoción da saúde, prevención de adiccións e redución de desigualdades sociais.
- Saúde pública nun clic:
Aplicación “Al menos tres” de OPROMAR, que promove o consumo de peixe e hábitos alimentarios saudables.
- Excelencia en saúde pública local:
Concello de Ponteareas polo proxecto europeo Health4EUKids, centrado na prevención da obesidade infantil.
- Mellor artigo científico:
Estudo GALFLU sobre vacina da gripe de alta dose, publicado en The New England Journal of Medicine, que demostra a súa eficacia na redución de hospitalizacións.
- Categoría de inmunización:
Área Sanitaria da Coruña e Cee, pola maior cobertura de vacinación antigripal en persoas maiores de 60 anos.
- Estratexia de saúde pública en atención sanitaria:
Centro de saúde do Ventorrillo (A Coruña), polo programa LUNG-GAL de detección precoz do cancro de pulmón mediante TC de baixa dose.
- Saúde pública con ideas:
Jesús García Mata, Benigno Rosón Calvo e José Manuel Jerez Aragonés, pola incorporación de intelixencia artificial ao Rexistro Galego de Tumores.
- Mellor proxecto educativo en saúde pública:
CIFP A Carballeira (Ourense), polo proxecto ProMeTeo, de vixilancia do mosquito tigre.
- Mellor intervención comunitaria:
Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, por un programa de educación sobre infeccións de transmisión sexual en centros escolares.
- Mellor investigación en VIH e ITS:
Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, polo estudo que emprega intelixencia artificial para localizar pacientes con hepatite C crónica sen seguimento, facilitando o seu tratamento.
- Innovación sanitaria:
Antonio Aguilera do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, pola aplicación da técnica pooling en cribados oportunistas de infeccións como a hepatite C.
- Mellor proxecto novo da Consellería de Sanidade:
Servizo de vacinas do CEGACE, por un modelo pioneiro de compra de vacinas con acordo de risco compartido baseado en resultados en saúde.
- Premio de honra á traxectoria profesional:
Alberto Malvar Pintos, polo seu labor na epidemioloxía e na vixilancia da saúde pública en Galicia.
- Premio extraordinario:
Proxecto Son das Flores do CEIP Vicente Risco (Vigo), que utiliza a música como ferramenta de inclusión social e benestar infantil.