María José Gómez destaca o crecente potencial do sector olivícola galego na Mostra do Aceite de Quiroga
A conselleira do Medio Rural asistiu hoxe á 26ª edición deste evento na que se promocionaron produtos amparados por selos de calidade diferenciada
Destacou que o aceite conta cunha norma técnica incluída no indicativo de Artesanía Alimentaria, a través do cal se certifica a elaboración, manipulación e transformación dos produtos alimentarios de xeito artesanal
A Consellería participa en dúas iniciativas para favorecer o desenvolvemento das variedades autóctonas de oliveira en Galicia e este ano iniciarase a produción de plantas certificadas para que os produtores poidan dispoñer delas
Quiroga (Lugo), 15 de marzo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo; Javier Arias; asistiu hoxe á celebración da 26ª edición da Mostra do Aceite de Quiroga, onde destacou o crecente potencial do sector olivícola en Galicia.
A Consellería colabora coa celebración deste evento, declarado festa de interese turístico de Galicia, na que se promocionan os produtos de calidade diferenciada. Neste sentido, explicou que a produción de aceite é unha das normas técnicas incluídas dentro do selo Artesanía Alimentaria, a través do cal se certifica a elaboración, manipulación e transformación dos produtos alimentarios de xeito artesanal.
A maiores, a conselleira explicou que desde o seu departamento estase a traballar para favorecer o desenvolvemento das variedades autóctonas de oliveira en Galicia. A través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, participa en dúas iniciativas encamiñadas a avanzar neste sentido.
Este mesmo ano iniciarase a produción de plantas certificadas como variedades autóctonas na Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño, en Salceda de Caselas, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e seguir estudándoas. En concreto, empregaranse catro destas variedades, das cales hai unha que xa está identificada xeneticamente como única en Galicia polo Banco Mundial de Xermoplasma.
Neste senso, a titular de Medio Rural reafirmou a aposta do Goberno galego pola innovación e a investigación para o desenvolvemento da actividade económica no rural, neste caso mediante o sector olivícola, que ten especial relevancia na área de Quiroga.