A Xunta participa na XXVIII Gala Hípica Galega que recoñece os mellores xinetes e amazonas do 2025
O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, destaca que as actuacións que se realizarán nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA permitirán acoller competicións de primeiro nivel
A Xunta colaborará coa Semana Verde na remodelación do recinto ecuestre cun investimento de 550.000 euros
Silleda (Pontevedra), 14 de marzo de 2026
O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e vicepresidente do Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia, Javier Abad, participou hoxe na XXVIII Gala Hípica Galega. O acto, no que se recoñeceu os mellores xinetes e amazonas galegos durante o ano 2025, celebrouse nesta ocasión no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, onde a Xunta colaborará coa Semana Verde para reformar proximamente as instalacións hípicas exteriores cun investimento de 550.000 euros.
Durante a súa intervención, Javier Abad destacou que as actuacións que se realizarán no recinto feiral incluirán a conversión da pista principal nunha instalación de última xeración, equipada cun sistema de rego e drenaxe que posibilitará o seu uso durante todo o ano, mesmo en condicións meteorolóxicas adversas. Segundo explicou, estas melloras permitirán ademais adaptar as instalacións ás esixencias internacionais para poder acoller competicións de primeiro nivel, reforzando así a colaboración que a Fundación Semana Verde mantén coa Federación Hípica Galega.
O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes apuntou neste sentido que o mundo ecuestre conta cunha destacada presenza na programación da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, e lembrou tamén que estas instalacións volverán a coller no mes de xullo unha nova edición de Equina Galicia, que converte Galicia no epicentro do mundo ecuestre do noroeste español reunindo os principais exemplares de Pura Raza Española.
Así mesmo, Javier Abad salientou que a boa saúde da hípica en Galicia queda acreditada no número de licenzas deportivas, ao redor de 5.000, e destacou a elevada participación feminina, xa que as mulleres representan case oito de cada dez deportistas. Ademais, valorou a consolidación desta cita anual, que alcanza xa a súa vixésimo oitava edición, converténdose nun referente para o sector ecuestre galego.