A Xunta reafirma o compromiso co deporte adaptado na presentación da terceira etapa da marcha ciclista de Special Olympics

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, destacou que Galicia suma na actualidade 59 deportistas galegos e galegas de alto nivel con discapacidade e que a Comunidade galega foi pioneira na concesión de becas igualitarias

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou hoxe na presentación da terceira etapa da 14ª edición das Marchas Ciclistas Unificadas, organizada por Special Olympics Galicia, onde reafirmou o compromiso da Xunta co deporte inclusivo e adaptado como “ferramenta clave para lograr a integración social, a autonomía e o benestar das persoas con discapacidade”.

Roberto García destacou que Galicia suma na actualidade 59 deportistas galegos e galegas de alto nivel con discapacidade. Lembrou tamén que a Comunidade galega foi pioneira no conxunto do Estado na concesión de becas igualitarias aos deportistas olímpicos e paralímpicos, así como das primeiras en constituír a federación de deporte adaptado. “Con todo isto quero reiterar o noso férreo compromiso co deporte das persoas con discapacidade e coas organizacións que o impulsan”, engadiu.

Así, felicitou tanto á organización desta iniciativa como ás persoas que participan e se implican na súa celebración “por ofrecer un ano mais, a esencia do deporte: a convivencia, o esforzo e o tesón característicos do mundo deportivo de competición”. As Marchas Ciclistas Unificadas desenvolveranse do 1 ao 4 de outubro con catro etapas, unha en cada provincia galega. No caso da Coruña, Santiago de Compostela acolle a terceira das etapas da proba, tras arrincar en Monforte de Lemos e continuar en Ourense, San Cibrao das Viñas e Barbadás. A derradeira etapa terá lugar en Vilagarcía de Arousa.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2026