A Xunta destaca a importancia do ‘II encontro internacional de mulleres electas de Cabo Verde, Mozambique e Galicia’ para fomentar a colaboración entre as súas representantes
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE asistiu ao evento organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio do Goberno galego
Jesús Gamallo destacou que o foro responde a prioridades da acción exterior galega, como o achegamento ao mundo lusófono a través do traballo da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa
Praia (Cabo Verde), 13 de marzo de 2026
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na cidade caboverdiana de Praia no II Encontro Internacional de Mulleres Electas de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio da Xunta. Baixo o lema Electas no local. Unha voz global, este foro promove novos espazos de diálogo e cooperación que contribúan a fortalecer e promover a participación política e a cooperación horizontal entre as representantes electas de Galicia con outras líderes de países lusófonos.
Na súa intervención, Jesús Gamallo destacou que o encontro responde a varias prioridades da acción exterior de Galicia como o achegamento ao mundo da lusofonía, pola especial vinculación con Portugal e a actividade na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), así como o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Nesta liña, salientou o labor de Galicia como observador asociado na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, o que permite á Xunta estar presente nos grupos de traballo que se creen de especial relevancia para Galicia, como os relacionados coa pesca, a cooperación ao desenvolvemento ou a difusión da lingua.
O director xeral sinalou como un paso máis no reforzo dos lazos entre Galicia e o mundo lusófono a creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade. Este observatorio asesora o Goberno galego en todas as medidas neste eido e actuará como foro de diálogo permanente entre as administracións e as entidades públicas ou privadas interesadas en fortalecer os vínculos coa lusofonía.
Por outra parte, segundo sinalou, a lusofonía foi sempre un criterio de referencia na definición e o establecemento das prioridades xeográficas na política galega de cooperación para o desenvolvemento. “A continuidade das alianzas de traballo cos países africanos de lingua oficial portuguesa constitúe un dos valores diferenciais da cooperación galega”, apuntou. Así, o vixente V Plan director da cooperación galega recoñece o valor e a experiencia de traballo nestes países socios da acción exterior, incluíndo Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique entre os 11 países prioritarios.
Colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O II Encontro Internacional de Mulleres Electas de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, que está organizado polo Fondo Galego, enmárcase no convenio de colaboración que desde o ano 2000 se vén formalizando entre dita entidade e a Xunta.
O acordo, asinado nos últimos anos cunha dotación de 60.000 euros, ten como finalidade promover unha maior implicación e responsabilidade das deputacións e dos concellos galegos na área de cooperación ao desenvolvemento e difusión da Axenda 2030, e continuar así impulsando a Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS das Nacións Unidas.