A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou o couto de Chaián, no río Tambre, con motivo da primeira xornada hábil da campaña deste ano
A tempada de pesca fluvial comeza en Galicia para case 48.500 afeccionados con licenza vixente
Ángeles Vázquez salienta que os datos apuntan a un aumento dos amantes desta práctica deportiva xa que hai 784 licenzas máis en vigor que en 2025
Un total de 25.172 pescadores de entre 14 e 17 anos ou maiores de 65 anos se benefician este ano da exención do pago de taxas que aplica a Xunta desde 2021
A Comunidade conta con 213 coutos e máis de 14.000 km de ríos e encoros nos que se poderá pescar, con carácter xeral, desde hoxe e ata o vindeiro 31 de xullo
A responsable autonómica salienta que, como novidade, este ano haberá unha axuda de 2.000 € ás entidades colaboradoras de pesca que teñan convenio coa Consellería
Trazo (A Coruña), 15 de marzo de 2026
A nova tempada de pesca en augas continentais galegas comezou hoxe oficialmente na maior parte dos ríos da Comunidade para os 48.453 galegos que contan nestes momentos con algunha licenza en vigor.
Co gallo da primeira xornada hábil en Galicia, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, achegouse esta mañá ata o couto de Chaián, ao paso do río Tambre por Trazo, onde repasou os principais datos da tempada actual, así como as novidades e melloras introducidas pola Xunta para apoiar ao sector.
Tras sinalar que este ano o número total de licenzas de pesca fluvial se incrementou en 784 (un 1,64% máis que en 2025), a responsable autonómica destacou que as cifras apuntan a que esta práctica deportiva está a sumar novos adeptos nos últimos anos.
Ademais, cifrou en 25.172 as licenzas de pesca vixentes en Galicia exentas de pago neste momento por tratarse os seus titulares de menores de idade (de entre 14 e 17 anos) ou de persoas de máis de 65 anos. Esta exención foi unha das novidades recollidas na Lei de pesca continental autonómica aprobada en 2021 co fin de impulsar a remuda xeracional dun sector que conta cunha gran tradición na Comunidade e a día de hoxe, a medida beneficia xa á máis da metade dos pescadores.
Neste sentido, a conselleira fixo fincapé na necesidade de seguir avanzando na liña de divulgar, especialmente entre a poboación moza, os valores ambientais asociados a unha actividade que sempre contou con moito arraigo e tradición en Galicia.
Con tal fin, a Xunta apoia desde hai anos ás entidades colaboradoras de pesca continental a través da orde de axudas convocada en decembro por un importe de 50.000 euros para executar accións divulgativas e de vixilancia fluvial.
Este ano, como novidade, a conselleira anunciou que haberá unha achega adicional de 2.000 euros para cada unha das 62 entidades colaboradoras que teñen un convenio asinado coa Consellería para realizar actividades relacionadas co coidado dos ríos.
Por outra banda, coa finalidade de simplificar e facilitar as xestións administrativas entre o colectivo, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta empezou en 2024 a enviar de xeito automático a renovación das licenzas correspondentes aos pescadores maiores de 65 anos e subliñou, ademais, que desde o ano pasado os permisos deste colectivo teñen carácter indefinido polo que non é necesario que os renoven para poder pescar.
Nesta mesma liña, a conselleira lembrou que recentemente a Xunta asinou un novo convenio que permite pescar noutras 9 comunidades autónomas cun único permiso e sen necesidade de realizar ningún trámite adicional. Ao respecto, cómpre indicar que actualmente en Galicia hai 1.846 licenzas de pesca interautonómicas vixentes.
Todas estas medidas, como explicou Ángeles Vázquez, enmárcanse na estratexia da Xunta de estreitar lazos coa cidadanía e poñer á súa disposición máis e mellores servizos. De feito, vinculou a tendencia crecente detectada no número de licenzas de pesca continental actualmente en vigor (incluíndo todas as modalidades) ás medidas e melloras administrativas impulsadas desde o seu departamento nestes últimos anos.
Actividade clave para os recursos fluviais
Durante a súa visita ao couto de Chaián, un tramo de case 8 km, Ángeles Vázquez salientou que Galicia é un lugar privilexiado para os amantes da pesca. De feito, este ano conta con máis de 14.000 km de ríos e encoros (o 91% da rede fluvial autonómica) e 213 coutos nos que se poden practicar distintas modalidades de pesca sobre especies como a troita ou o reo. Como novidade este ano a pesca do salmón estará vedada, unha medida necesaria, tal e como explicou, para asegurar que esta especie emblemática dos ríos galegos poida recuperarse e seguir formando parte do seu patrimonio natural.
Tras lembrar que as abundantes choivas dos últimos meses deixaron os caudais dos ríos en niveis óptimos para a pesca, a conselleira amosou a súa confianza en que sexa unha tempada moi produtiva e que todos os afeccionados e profesionais a desfruten respectando, como é habitual, as tallas mínimas e o número de capturas fixado.
Segundo figura na orde reguladora das normas que rexerán este ano para as distintas especies en augas continentais galegas, a tempada rematará con carácter xeral o 31 de xullo. En todo caso, nos tramos de pesca sen morte prolongarase ata o 30 de setembro ao igual que en determinadas masas de auga.