A Xunta sinala a maquinaria de última xeración como ferramenta para fomentar o desenvolvemento rural

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou hoxe na inauguración da Asemblea Xeral de Ansemat, onde lembrou que o Goberno autonómico aposta de xeito firme pola modernización do rural

Luisa Piñeiro lembrou as achegas específicas para a compra de maquinaria en réxime asociativo, que facilitan o acceso ás novas tecnoloxías

En relación co sector forestal, destacou que a Consellería investirá neste ano 15 millóns de euros en silvicultura produtiva e actuacións ambientais en frondosas e castaños, na procura dun monte máis ordenado, produtivo e sostible

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, participou hoxe na inauguración da Asemblea Xeral da Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal e de Espazos Verdes (Ansemat).

Alí, destacou a importancia da maquinaria de última xeración como ferramenta fundamental para fomentar o desenvolvemento do rural galego.

Durante a súa intervención, lembrou que o Goberno autonómico aposta de xeito firme pola modernización do rural, con achegas específicas para a compra de maquinaria en réxime asociativo, que facilitan o acceso ás novas tecnoloxías. A través destas axudas, auméntase a produtividade e a seguridade laboral, ao tempo que se fomenta un uso máis eficiente dos recursos e se introducen no agro galego innovacións punteiras e se impulsa a creación de emprego.

En relación co sector forestal, destacou que a Consellería investirá neste ano 15 millóns de euros en silvicultura produtiva e actuacións ambientais en frondosas e castaños, na procura dun monte máis ordenado, produtivo e sostible. Así, afirmou que a mecanización é o “aliado perfecto” para acadar este obxectivo.

Seguindo esta liña, sinalou que, tanto a robótica como a intelixencia de datos, contribuíron a converter as explotacións galegas en empresas profesionais e competitivas, mellorando a súa capacidade para atraer e reter talento mozo. Neste sentido, a directora xeral asegurou que a Xunta seguirá a traballar por apoiar ao sector primario e consolidar así un medio rural moderno, vivo, rendible e sustentable “que estamos a construír entre todos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2026