Belén do Campo participa na entrega dos premios do XXI Concurso Literario Rita Suárez Amado no IES Eusebio da Garda
A delegada tivo palabras de agradecemento para a familia de Rita Suárez Amado, presente no acto, pola súa vontade de preservar a súa memoria a través deste concurso literario
A Coruña, 13 de marzo de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou hoxe no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda na entrega de premios do XXI Concurso Literario Rita Suárez Amado, unha iniciativa que promove a creatividade literaria entre o alumnado e que este ano cumpre máis de dúas décadas de traxectoria.
Durante a súa intervención destacou o labor da súa directora, María Isabel Ruso de Lago, así como de todo o equipo directivo, o profesorado e a comunidade educativa pola súa implicación na organización do certame. Neste sentido, subliñou o valor de manter ao longo de 21 anos unha iniciativa que fomenta o gusto pola literatura entre a mocidade e contribúe a manter viva a memoria de Rita Suárez Amado.
A delegada tamén tivo palabras de agradecemento para a familia de Rita Suárez Amado, presente no acto, pola súa vontade de preservar a súa memoria a través deste concurso literario en tres niveis de relato curto e poesía. Ademais, destacou o papel das familias no acompañamento e na formación das novas xeracións, poñendo como exemplo o compromiso da familia de Rita ao converter a lembranza nunha iniciativa educativa e cultural que xa forma parte da vida do centro.
Durante o acto, a delegada felicitou os gañadores desta edición polos excelentes traballos presentados e fixo extensivo o seu recoñecemento a todo o alumnado participante polo seu esforzo e pola súa contribución ao certame. Ademais, realizou un agradecemento especial aos membros do xurado deste concurso e aos centros participantes.
Concretamente, no relato curto as gañadoras nesta modalidade foron Marta Núñez, do Colexio Montespiño (nivel I), e María Crespo, do IES Lamas das Quendas de Chantada (nivel II). No nivel III, o premio foi compartido por Sofía Carou, do IES Rafael Dieste, e Martina Fungueiro, do Colexio Montespiño. Ademais, o accésit no nivel II foi para Uxía Seoane, do IES Manuel Murguía de Arteixo.
Na modalidade de poesía, as gañadoras foron Adriana González, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela (nivel I); Ariana Crego, do IES Eusebio da Guarda (nivel II); e Cecilia Desmonts, do Colexio Montespiño (nivel III). Os accésits corresponderon a Rebeca Ilem Ríos, do IES Eusebio da Guarda (nivel I), e a María Rosalía Astray, do IES Eusebio da Guarda, e Alba Fernández, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela (nivel III).
Na súa intervención, tamén puxo en valor a importancia do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, un centro de referencia no ensino en Galicia con máis de 150 anos de historia, polo que pasaron destacadas figuras da cultura e da vida pública como Pablo Picasso, Manuel Fraga, Salvador de Madariaga ou Gonzalo Torrente Ballester.
Así mesmo, lembrou o papel fundamental da educación e da cultura no desenvolvemento da sociedade e destacou que o instituto forma parte da Rede MUPEGA de Institutos Históricos de Galicia e da rede de centros plurilingües desde a súa primeira convocatoria no curso 2010/11.
Por último, a delegada animou á comunidade educativa a continuar impulsando iniciativas como este concurso literario, que contribúen a fomentar a creatividade, o pensamento crítico e o amor pola cultura entre os máis novos, e reiterou o compromiso da Xunta co apoio á educación e ás actividades que enriquecen a formación do alumnado.