A Xunta pon a colectividade galega no Uruguai como exemplo de compromiso coa nosa cultura e tradicións

Montevideo (Uruguai), 16 de marzo de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, participou na tradicional romaría organizada polo Centro Galego de Montevideo, unha celebración na que tamén estivo o cónsul xeral de España no Uruguai, Juan Carlos Gafoque, e que reuniu a milleiros de persoas da colectividade galega volvendo converterse nun dos grandes encontros anuais da galeguidade no país. Durante a xornada, Miranda puxo en valor o papel das entidades galegas do exterior como espazos de encontro e transmisión da nosa cultura e tradicións, destacando o compromiso da colectividade galega no Uruguai por manter viva a súa identidade e fortalecer os vínculos con Galicia.

A romaría congregou ao longo de todo o día a numerosos asistentes que se achegaron ao Centro Galego para gozar da gastronomía tradicional e das actuacións dos grupos de canto e baile da colectividade, nun ambiente festivo que puxo de manifesto a vitalidade da cultura galega no país. Este tipo de encontros evidencian o forte arraigamento da comunidade galega no Uruguai e o labor constante das entidades por preservar e difundir o patrimonio cultural e social de Galicia entre as novas xeracións, unha tarefa que a Xunta continúa apoiando e acompañando.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2026