ADOS impulsa a formación do estudantado galego a prol dos distintos xeitos de doazón

Entre as iniciativas destinadas a fomentar unha conciencia favorable a este xesto solidario, a Axencia promove un programa de visitas educativas ata as súas instalacións

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) retoma, nesta segunda fase da campaña de doazón de sangue nas Universidades galegas, o seu programa de visitas educativas ata as súas instalacións, co obxectivo de dar a coñecer o día a día do traballo que se desenvolve na Axencia.

Ao longo da xornada do xoves 12 de marzo, ADOS recibiu a visita dos estudantes da IES Campo de San Alberto de Noia, unha das dez visitas previstas ata finais da segunda fase da campaña de doazón nas universidades. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a doazón pero, tamén, explicar a complexidade do traballo da Axencia e que vai desde a captación das doazóns de sangue ata a distribución dos distintos compoñentes sanguíneos obtidos aos centros sanitarios galegos.

Este programa de visitas, que a ADOS leva a cabo desde o ano 2016, data da posta en funcionamento da Axencia, quere sensibilizar aos estudantes da importancia dos distintos xeitos de doazón, xa que os asistentes, reciben charlas educativas sobre doazón de sangue, medula ósea e tecidos. Así mesmo, esta iniciativa divulgativa resulta de enorme transcendencia entre o alumnado que cursa estudos relacionados co ámbito sanitario (futuros técnicos de laboratorio, estudantes de Medicina,...).

Mesas informativas

As campañas de doazón de sangue na Universidade son, para moitos estudantes galegos, o seu primeiro achegamento ao solidario xesto da doazón. Neste sentido, e para resolver dúbidas e impulsar as doazóns de sangue, ADOS imparte charlas informativas nos centros universitarios. Así mesmo, ao longo desta segunda fase, a Axencia instalará mesas informativas sobre a doazón de medula ósea nos sete campus galegos para dar a coñecer este xeito de doazón fundamental para o tratamento de enfermos que precisan recibir un transplante de proxenitores hematopoéticos.

ADOS quere salientar a constante implicación e compromiso dos reitorados das tres universidades galegas, así como por en valor a colaboración dos decanos e directores dos centros educativos que facilitan o desenvolvemento das campañas de doazón. Ademais, a Axencia quere agradecer a participación dos universitarios e universitarias que doan sangue ou deciden inscribirse como doantes de medula ósea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026