A Xunta prevé adxudicar en abril a obra de rehabilitación integral do Colexio A Gándara de Narón cun investimento previsto de case 1,5 M€
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reuniuse coa alcaldesa, Marián Ferreiro, para facer balance das obras realizadas no concello, por 2,75 M€
Anúncialle unha nova actuación na cuberta do Colexio Plurilingüe Ponte de Xubia para este ano e a previsión de intervir noutros tres centros en vindeiros exercicios
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, para facer balance da situación dos centros deste concello coruñés, no que se levan investido desde 2009 2,75 M€ en obras educativas. No transcurso do encontro, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicoulle á rexedora municipal que está previsto adxudicar no mes de abril a obra de rehabilitación integral do Colexio A Gándara, que se licitou por case 1,5 M€.
A intervención inclúe o illamento térmico da fachada con sistema SATE, dándolle tamén un acabado máis moderno ao edificio, a substitución de carpinterías exteriores por unhas novas de alta eficiencia enerxética que melloren o illamento térmico e acústico e a colocación dunha nova cuberta de panel sándwich con illamento de la de roca. Ademais, instalarase un lucernario de placas translúcidas planas de policarbonato celular. A maiores, mellorarase a accesibilidade do centro coa instalación dunha rampla na fachada posterior e colocaranse falsos teitos con luminarias led no interior do colexio.
O conselleiro anuncioulle, ademais, á alcaldesa que o seu departamento está a preparar unha actuación na cuberta do Colexio Plurilingüe Ponte de Xubia, cun investimento estimado de preto de 50.000€, e que se acometerá este mesmo ano. A maiores, na programación da Consellería están contempladas, para os seguintes exercicios melloras no CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, no CEIP A Solaina e no Instituto As Telleiras. Nese senso, a Consellería analizará o informe técnico municipal de necesidades trasladado no marco da reunión.
O conselleiro destacou a importancia de colaboración entre as administracións á hora de realizar obras de mellora e conservación nos centros de ensino, de tal forma que os concellos tamén exerzan as súas competencias nesta materia, en concreto na conservación e mantemento das instalacións dos centros de Educación Infantil e Primaria. Na reunión participaron tamén o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, e a concelleira de Cooperación no Ensino, Olga Ameneiro.