A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participa en Oviedo no terceiro Encontro do Ecosistema da Industria Nacional de Defensa
A Xunta destaca en Asturias o apoio ás industrias da seguridade e defensa e convida ás empresas a mirar a Galicia e compartir os seus proxectos de investimento
Anuncia que antes do verán licitaranse os novos acordos de asociación que permitirán seleccionar os socios estratéxicos e tecnolóxicos da Xunta na Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo ata 2030
Asegura que a Iniciativa Estratéxica impulsada polo Goberno galego constitúe “unha chamada a todas as Administracións Públicas, a outras rexións e ás empresas a colaborar e co-investir na creación da Base Industrial da Defensa que precisa Europa”
Oviedo, 17 de marzo de 2026
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou hoxe en Oviedo “o apoio sen precedentes que o Goberno galego está prestando aos investimentos en seguridade e defensa” no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo e convidou ás empresas a mirar a Galicia e a compartir os seus proxectos de investimento e plans de crecemento.
Ardao anunciou que a Xunta de Galicia poderá licitar antes do verán os acordos de asociación para seleccionar as empresas que serán socias estratéxicas e tecnolóxicas do Goberno galego nos próximos anos. “Só esta oportunidade que se abre -sinalou- debería facer mirar a Galicia a calquera empresa dos sectores da seguridade, a defensa e o aeroespazo”.
Indicou que a Xunta a través do Diálogo Estratéxico co sector está analizando 79 proxectos estratéxicos ao tempo que se definen os instrumentos axeitados para eles. “É un proceso aberto, queremos máis empresas e máis proxectos”, sinalou.
A directora xeral participou no terceiro Encontro do Ecosistema da Industria Nacional de Defensa, que organiza Indra, e que reuniu nas instalacións da antiga Fábrica de Armas de la Vega, en Oviedo, a máis de 300 empresas e entidades, fundamentalmente do norte e noroeste de España, co obxectivo de fortalecer a cadea de subministro e de acelerar a incorporación de empresas aos plans industriais asociados aos Programas Especiais de Modernización (PEM).
A directora xeral interveu nunha mesa de diálogo con representantes das consellerías de Industria da Junta de Castilla y León e do Principado de Asturias, rexións que constitúen importantes focos de desenvolvemento económico para a compañía, onde destacou o papel clave das rexións como co-impulsoras dunha Base Industrial de Seguridade e Defensa e sinalou o liderado de Galicia neste eido, apuntando que a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo constitúe “unha chamada a todas as Administracións Públicas, a outras rexións e ás empresas a colaborar e co-investir na creación desta Base Industrial que precisa Europa”.
Na súa intervención puxo tamén de relevo que o Goberno galego ten un compromiso “consolidado e continuo” con estes sectores, mediante a colaboración público-privada. “Galicia será un actor clave nesa nova Base Industrial da Defensa que tanto necesita Europa. Son as empresas as que producen ese crecemento e na Xunta temos claro que debemos axudalas a conseguilo”, dixo.
Lembrou tamén que a Xunta ten en marcha un programa para apoiar ás pemes na obtención das certificacións necesarias para poder traballar no sector da defensa e a seguridade, cun orzamento total de 1,5 millóns de euros; así como un Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, unha iniciativa cofinanciada pola Xunta e a Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI) en colaboración con TEDAE.