O delegado territorial visitou a sede da Asociación Down Ourense co gallo da conmemoración do Día mundial da Síndrome de Down, o vindeiro 21 de marzo
Manuel Pardo reitera o compromiso da Xunta coa inclusión real e efectiva na sociedade de todas as persoas
O delegado territorial lembrou que a Xunta traballa cada día para facilitar o acceso real ao emprego ordinario das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, mellorando a súa cualificación profesional e acompañándoas na incorporación e mantemento no mercado laboral
Nesta liña, Manuel Pardo, apuntou que desde o Goberno autonómico loitamos pola eliminación de todo tipo de barreiras e apoiamos a autonomía de todas as persoas con discapacidade
O delegado territorial felicitou a Down Ourense por consolidarse como unha entidade de referencia nesta provincia para atención ás persoas con discapacidade ao longo dos últimos vinte anos
Ourense, 18 de marzo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a sede da Asociación Down Ourense co gallo da conmemoración do Día mundial da Síndrome de Down, que se celebrará o vindeiro 21 de marzo.
Acompañado de membros da xunta directiva, o delegado territorial fixo fincapé na importancia da inclusión real e efectiva destas persoas e destacou que con esta celebración búscase dar visibilidade e aumentar a concienciación pública con respecto á Síndrome de Down; e sinalou que “estamos falando de persoas que fan valiosas contribucións á nosa sociedade e das que temos moito que aprender”.
Nesta liña, Manuel Pardo, apuntou que desde o Goberno autonómico loitamos pola eliminación de todo tipo de barreiras e apoiamos a autonomía de todas as persoas con discapacidade, dando sempre visibilidade a todas as súas habilidades.
“As persoas con síndrome de Down -salientou o delegado territorial- demostrades cada día que non hai barreiras que non poidades derrubar coa vosa forza de vontade. Porque non son as discapacidades as que limitan, senón os prexuízos”; e sentenciou, “ante as adversidades, demostrades esforzo e perseverancia; e sempre que tedes a oportunidade, demostrades ser capaces de facer todo o que vos que propoñades”.
Manuel Pardo lembrou que a Xunta traballa cada día para facilitar o acceso real ao emprego ordinario das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, mellorando a súa cualificación profesional e acompañándoas na incorporación e mantemento no mercado laboral. Así, -destacou- a súa aposta pola formación para o emprego, con accións específicas orientadas a ampliar os coñecementos técnicos e competencias profesionais co gallo de aumentar as posibilidades de acceder a un traballo; ao seu servizo de emprego con apoio nos propios postos de traballo ou á atención prestada á mocidade para o paso da etapa educativa á vida adulta, incluíndo o acceso ao mercado laboral.
O delegado territorial felicitou a Down Ourense por consolidarse como unha entidade de referencia nesta provincia para atención ás persoas con discapacidade ao longo dos últimos vinte anos. Así mesmo, apuntou que a Xunta seguirá colaborando con eles e con todo o tecido asociativo para garantir que esta atención chegue cada día a máis persoas e cumpra cos estándares de calidade.
Down Ourense desenvolve servizos de promoción da autonómica persoal das persoas con Síndrome de Down nas áreas de atención temperá, inclusión educativa, formación e emprego, vida adulta e independente e área transversal que conta con programas de apoio familiar, de comunicación e de sensibilización social entre outros.