A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads)

A Xunta ultima o anteproxecto de lei de administración ambiental simplificada para reforzar a seguridade xurídica e axilizar a tramitación de proxectos

Ángeles Vázquez explica que a futura lei ten como obxectivo avanzar cara a un modelo de administración ambiental máis moderno, máis transparente e mellor adaptado aos retos actuais

Incide en que os procedementos deben ser máis claros, máis previsibles e máis claros, sen renunciar en ningún momento ao rigor na avaliación ambiental

Na reunión do Cogamads tamén se presentou o anteproxecto da lei de loita contra os incendios forestais, que afonda na prevención, na planificación e na implicación buscando unha xestión activa do monte

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026

A Xunta elevou hoxe á consideración do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) os anteproxectos de lei de administración ambiental simplificada e de loita contra os incendios forestais de Galicia.

Segundo indicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que presidiu a reunión deste órgano consultivo, a futura lei de administración ambiental simplificada que ultima a Xunta ten como obxectivo avanzar cara a un modelo de administración ambiental máis moderno, máis transparente e mellor adaptado aos retos actuais, facilitando, ao mesmo tempo, un desenvolvemento económico responsable e sostible. Tal e como engadiu Ángeles Vázquez durante a reunión, “a protección do medio ambiente debe ir acompañada dunha administración eficaz, moderna e útil”.

Nese senso, a nova normativa, ademais de unificar e actualizar o marco normativo existente en materia de avaliación ambiental e de prevención e control da contaminación, simplificará e axilizará os distintos trámites administrativos. Tal e como subliñou a conselleira, a protección ambiental debe apoiarse en normas claras, procedementos eficaces e administracións que funcionen con axilidade e rigor.

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez incidiu en que os procedementos deben ser máis claros, máis previsibles e máis claros, sen renunciar en ningún momento ao rigor na avaliación ambiental. De feito, a conselleira fixo fincapé en que a nova lei se base no principio de “menos burocracia e máis eficacia” porque protexer o medio ambiente non significa multiplicar trámites, senón aplicar mellor os instrumentos de avaliación e control.

Anteproxecto da lei de loita contra os incendios forestais

A maiores, na reunión desta mañá do Cogamads tamén se presentou o anteproxecto da lei de loita contra os incendios forestais, que afonda na prevención, na planificación e na implicación buscando unha xestión activa do monte e a actuación coordinada das diferentes administracións cando hai risco ou emerxencia.

Deste xeito, o eixo da nova norma céntrase en situar a xestión do territorio como medida de prevención fundamental. Así, un dos obxectivos principais é impulsar a actividade agrícola, gandeira ou forestal naquelas zonas onde hai más recorrencia de lumes. Será, polo tanto, unha lei que contribuirá a poñer en valor o monte e dinamizar o rural, promovendo unha xestión forestal sostible que xere actividade económica e contribúa a fixar poboación no territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2026