A Xunta mellora a biblioteca do Instituto Aquis Querquernis de Ourense no marco do Plambe
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa destaca o papel destes espazos na promoción da lectura e na mellora da competencia do alumnado
Ourense, 18 de marzo de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe a biblioteca do Instituto Aquis Querquernis, en Bande, incorporada neste curso ao Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), co que o Goberno galego reforza o seu compromiso coa promoción da lectura. A representante autonómica salientou que se trata “do principal programa da Xunta neste ámbito, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros neste curso”.
Nos últimos meses, o centro levou a cabo unha renovación deste espazo, que foi trasladado a un antigo taller de automoción en desuso para convertelo nunha contorna moderna, funcional e adaptada ás necesidades do alumnado. Esta actuación contou co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, cun investimento próximo aos 50.000 euros, destinado á mellora das instalacións, incluíndo un novo sistema de calefacción e a substitución das ventás.
A directora xeral afirmou que as bibliotecas escolares “son unha ferramenta clave para reforzar a competencia lectora e garantir o acceso á información en igualdade de condicións”. Así mesmo, subliñou “a implicación do profesorado, do alumnado e das familias, fundamental para convertelas en auténticos motores de aprendizaxe”. Este espazo, que leva o nome do antigo docente Juan Casalderrey, destaca especialmente polo labor do seu equipo de apoio, que impulsou tanto o deseño como a actualización das dinámicas de uso, apostando por un modelo máis aberto, participativo e orientado ao desenvolvemento de competencias.
Outras iniciativas en marcha
Ademais, o instituto participa noutras iniciativas vinculadas ao PLAMBE, como o programa de clubs de lectura, e este curso solicitou unha liña de traballo específica sobre biblioteca escolar. Neste marco, o profesorado recibiu formación para mellorar as habilidades do alumnado no acceso e xestión da información. A isto súmase a incorporación de novos fondos bibliográficos, seleccionados en función dos intereses e necesidades educativas dos estudantes.
Judith Fernández lembrou que Galicia lidera o ámbito das bibliotecas escolares, cun 98,2% dos centros dotados deste servizo, moi por riba da media estatal. Tamén destacou que un 62% destas instalacións están abertas á participación das familias, reforzando o seu papel como espazos de encontro e aprendizaxe compartida.