A Xunta dota os centros de Vigo de equipamento tecnolóxico de última xeración para a mellora da formación do alumnado de FP

A directora xeral de FP visita no Instituto Ricardo Mella o novo espazo Radiotech 4.0, que permite a simulación clínica para o diagnóstico e a medicina nuclear

A aula forma parte da rede de 115 espazos de tecnoloxía aplicada en centros de FP galegos este curso, cun investimento da Xunta de 6,3 M€ nos últimos catro anos

No Instituto de Teis coñece as novas técnicas de micropigmentación oncolóxica reconstrutiva que practica o alumnado dos ciclos de Estética

Vigo, 18 de marzo de 2026

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Instituto Ricardo Mella de Vigo para coñecer a nova aula Radiotech 4.0, que forma parte da rede de 115 espazos de tecnoloxía aplicada en centros de FP galegos este curso, cun investimento de 6,3 M€ por parte da Xunta nos últimos catro anos.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a importancia deste tipo de espazos que conta con equipamento de última xeración na medida en que permite aos estudantes recrear na aula situacións de contornas laborais dos distintos sectores produtivos usando os últimos avances tecnolóxicos. “Nesta aula, os estudantes poden utilizar as mesmas ferramentas que despois atoparán nas unidades de radiodiagnóstico dos centros sanitarios onde realizarán as súas prácticas ou desenvolverán a súa profesión”, explicou a directora xeral de FP.

O espazo Radiotech 4.0, no que a Xunta investiu 55.000 €, dá servizo ao alumnado do ciclo superior de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear e está estruturado en tres zonas. A máis extensa e que constitúe o núcleo operativo da formación técnica é a área de simuladores, que está equipada cun simulador de equipo de radioloxía de última xeración e un simulador dunha unidade de tomografía computarizada. Esta tecnoloxía permite aos alumnos reproducir con precisión os escenarios reais de adquisición de imaxes sen necesidade de emitir radicación ionizante. Como reforzo á práctica diagnóstica, a área inclúe tamén un ecógrafo portátil e unha padiola profesional, o que permite que os estudantes adestren a preparación e o posicionamento do paciente para diversas técnicas, desde a radioloxía simple ata a ecografía.

A segunda zona é un espazo inmersivo destinado á simulación clínica e ao traballo colaborativo no que o alumnado, mediante o uso de gafas de realidade virtual, pode facer recreacións de servizos hospitalarios complexos. Esta zona tamén integra cámaras de alta definición para streaming e unha pantalla interactiva de gran formato que facilita a colaboración en modo remoto e a participación en proxectos con outros centros educativos ou hospitais de referencia.

O terceiro espazo está concibido como un centro de alta especialización para o manexo de datos e imaxes médicas. Dispón de cinco estacións de traballo equipadas con ordenadores de altas prestacións para que os alumnos dominen o post-procesamento de imaxes e o manexo de protocolos específicos para estudos de tomografía e resonancia magnética.

Micropigmentación oncolóxica reconstrutiva

A directora xeral visitou tamén o IES de Teis, onde coñeceu de primeira man a formación especializada que está a realizar o alumnado dos ciclos de Estética en propostas innovadoras como a micropigmentación oncolóxica reconstrutiva e adaptación, personalización, mantemento e asesoramento en próteses estéticas externas.

Eugenia Pérez salientou que estas formacións son “o exemplo palpable dunha Formación Profesional enfocada a mellorar a calidade de vida das persoas sometidos a procesos médicos con afectación estética”. Neste caso afóndase na formación en servizos estéticos especializados vinculados á reparación da imaxe de pacientes que presentan alteracións visibles derivadas de procesos oncolóxicos ou patolóxicos como, por exemplo, cirurxías, alopecias, cicatrices ou queimaduras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2026