A Xunta renova o seu compromiso coa elección profesional libre de prexuízos de xénero cunha nova edición do programa ‘Que non te líen, ti elixes’

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o colexio Jesús Maestro, onde se celebrou unha das charlas da iniciativa

As actividades educativas están impartidas por persoal especializado de diversos sectores e dirixidas a alumnos de 3º e 4º da ESO

Ferrol, 18 de marzo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o colexio Jesús Maestro co gallo da celebración dunha charla do programa ‘Que non te líen, ti elixes’, impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Esta iniciativa do Goberno galego promove a orientación vocacional libre de estereotipos de xénero, impulsando a presenza de mulleres en sectores masculinizados como a automoción, o metal, o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro ou as TIC. Ademais, como novidade desta edición, incluíronse contidos relacionados coa presenza de homes en profesións tradicionalmente feminizadas.

Para conseguir o obxectivo de derrubar prexuízos de xénero e fomentar a elección profesional libre, o programa leva a cabo debates, charlas e talleres dinámicos dirixidos a estudantes de 3º e 4º da ESO e impartidos por persoal de asociacións, fundacións e agrupacións industriais de diversos sectores que tratarán temas como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que soen ser ocupados por homes. Tamén porán en valor as figuras de mulleres referentes en sectores profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.

Durante a visita, Aneiros animou ao alumnado a “escoller o seu futuro libremente e sen prexuízos” e sinalou o compromiso da Xunta de avanzar na igualdade en todos os sectores profesionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2026