O conselleiro de Sanidade participou esta tarde nas II Xornadas de Termalismo da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense
Gómez Caamaño destaca a importancia do termalismo como ferramenta de saúde preventiva, ademais de motor de dinamización económica, social e cultural
O titular de Sanidade subliña o valor terapéutico das augas termais para combater o estrés nunha sociedade marcada pola hiperprodutividade
A Xunta avalía a posibilidade de colaborar coa Deputación de Ourense para integrar os programas termais nos Plans Locais do Servizo Galego de Saúde naqueles concellos que conten con balneario ou se atopen próximos
Galicia é o principal destino termal de España ao concentrar unha das maiores densidades de augas termais de Europa
Ourense, 18 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta tarde en Ourense a importancia estratéxica do termalismo como ferramenta de saúde preventiva, ademais de como motor económico, social e cultural de Galicia.
Durante a súa intervención na inauguración das II Xornadas de Termalismo da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense, o responsable autonómico sinalou que este recurso natural permite conxugar a tradición médica dentro dun enfoque sanitario máis integral; unha mestura que facilita acadar o benestar físico e dar resposta á fatiga crónica e ao estrés.
O titular de Sanidade explicou que, nunha sociedade caracterizada pola velocidade e a constante esixencia, o termalismo contribúe dun xeito significativo á recuperación do equilibrio físico e mental.
A Consellería de Sanidade está a avaliar diferentes vías de colaboración coa Deputación Provincial de Ourense para facilitar o acceso aos balnearios como ferramenta de saúde preventiva. Apuntou, a este respecto, que se contempla a posibilidade de incorporar programas de termalismo provincial aos Plans Locais de Saúde da Consellería naqueles municipios que conten con estas instalacións ou se atopen próximos a elas.
O titular de Sanidade definiu a provincia de Ourense como unha "terra privilexiada" ao concentrar unha das maiores densidades de augas termais de Europa. Este feito posiciona Galicia como o principal destino termal de toda España.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñeceu en 1986 o termalismo como unha ferramenta terapéutica clave, especialmente para pacientes con enfermidades crónicas ou en procesos de recuperación funcional. Entre os beneficios contrastados, está a mellora do descanso, o alivio de dores óseas e musculares ou a axuda ao sistema respiratorio.
No peche da súa intervención, o conselleiro de Sanidade agradeceu á Escola Universitaria de Enfermería a organización destas xornadas e reafirmou o compromiso do Servizo Galego de Saúde coa investigación e o coñecemento científico neste ámbito para ofrecer respostas de saúde máis completas á cidadanía.