A Xunta traballa en 121 obras de mellora en centros educativos cun investimento de case 150 M€

O conselleiro de Educación destaca que o seu departamento ten en marcha 68 actuacións en colexios e institutos por máis de 100 M€ e prepara proxectos para outras 53 por 49 M€

Román Rodríguez comproba o avance das obras de rehabilitación do Instituto Xelmírez II, en Santiago, cun investimento de preto de 2 M€

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2026

O Goberno galego traballa en 121 obras de mellora en centros educativos cun investimento de case 150 M€, tal e como destacou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita a unha destas actuacións, a rehabilitación integral do Instituto Xelmírez II, en Santiago de Compostela.

O titular de Educación da Xunta detallou que, nestes momentos, o seu departamento ten xa en marcha un total de 68 actuacións en colexios e institutos por máis de 100 M€ e prepara proxectos noutras 53 intervencións por 49 M€.

“O compromiso do Goberno galego coa modernización do parque de edificios educativos, máis de 1.600 en Galicia, é firme e claro”, salientou o conselleiro. “Ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica seguimos avanzando non só na renovación e reforma, senón cara adiante na construción de novos centros”, dixo.

Mellora do confort e eficiencia no Xelmírez II

Precisamente unha destas obras en marcha é a rehabilitación integral do Instituto Xelmírez II, en Santiago de Compostela, unha intervención dirixida a mellorar a funcionalidade do edificio así como lograr un maior confort térmico, “o que se traducirá en mellorar o día a día da comunidade educativa que o usa”, sinalou o conselleiro, que dixo que os traballos están avanzando “a bo ritmo” para que estean rematados ao inicio do próximo curso.

Esta actuación integral, na que a Xunta inviste preto de 2M€, abrangue a substitución dos 2.545m2 de cuberta actual por outra de panel de sándwich illante con lá de roca, a renovación de 150 xanelas e 10 portas por novas de rotura de ponte térmico e dobre acristalamento e o cambio de luminarias por 174 luces LED de baixo consumo con sensores de presenza. Ademais, cambiaranse as antigas caldeiras de gasoil por catro equipos de biomasa con silo de almacenamento e novos colectores de calefacción, o que permitirá reducir notablemente o impacto ambiental. Isto permitirá, así mesmo, avanzar na eficiencia enerxética e, en consecuencia, reducir o consumo, arredor dun 80%, un aspecto que constitúe un dos piares do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a estratexia coa que a Xunta está a modernizar o conxunto de centros educativos da Comunidade.

A actuación tamén contempla a instalación dun sistema SATE con illamento exterior e acabado decorativo nos 2.903m2 de fachada, a renovación da fontanería nos aseos da segunda planta, a colocación de falsos teitos en baños, vestiarios e salón de actos, a mellora da rede de saneamento e o pintado das paredes interiores afectadas polas novas carpinterías. Por último, tamén está contemplada a reparación da estrutura metálica da cuberta dos vestiarios, eliminando os óxidos e aplicando tratamento.

Cómpre lembrar que, nestes momentos, a Xunta de Galicia está a realizar un investimento de 12 M€ en distintas actuacións nos centros educativos de Santiago no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Ademais da rehabilitación integral do IES Xelmírez II, cabe destacar  a ampliación do IES Eduardo Pondal (3 M€), a reforma do Museo Pedagóxico de Galicia (500.000 €) e o cambio de cuberta do IES A Pontepedriña (306.000 €)

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2026