Román Rodríguez comproba o avance das obras de ampliación do Colexio San Tomé, en Cambados, onde a Xunta inviste preto de 1 M€

O conselleiro de Educación destaca que xa están executadas en torno ao 80% das obras, que suporán una “importante mellora” no servizo educativo deste concello

Pon en valor un investimento de máis de 25 M€ en diversas actuacións nos colexios e institutos do Salnés-Arousa no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Cambados (Pontevedra), 21 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá as obras de ampliación do Colexio San Tomé de Cambados, onde sinalou que están avanzando a bo ritmo e, de feito, xa está executado en torno ao 80% da obra, polo que se prevé que estean concluídas antes de que remate o curso.

O titular de Educación do Goberno galego puxo en valor esta actuación na que a Xunta está a investir preto de 1 M€ ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica e que se traducirá “nunha importante mellora do servizo educativo neste concello”, xa que o centro “contará con más e mellores espazos para a súa actividade diaria”.

A intervención inclúe a recuperación dun espazo do faiado da cuberta da planta baixa, actualmente en desuso, que se integrará como unha continuación da segunda planta existente. Isto permitirá contar cunha  superficie a maiores de 397,5m² nos cales se albergarán dúas novas aulas, unha biblioteca con sala de radio e dúas aulas de desdobre. O novo espazo contará co mesmo estilo das fachadas, ocos, materiais, cor, aleróns e cuberta da edificación orixinal, co fin de manter a unidade estética.

Para mellorar a accesibilidade entre plantas, prevese a instalación dun ascensor no oco central da escaleira principal. Tamén se instala un sistema de pasarelas que garante o acceso a persoas con mobilidade reducida ás pistas cubertas e á área de xogo, ás que ata o de agora só se pode chegar polas escaleiras. A maiores, e atendendo unha petición expresa do centro educativo, tamén eleva o chan do ximnasio co fin de eliminar a barreira arquitectónica e igualar as cotas de acceso a este espazo.

Compromiso co Salnés

Román Rodríguez destacou que a Xunta está a investir máis de 25 M€ en obras de renovación e modernización dos centros de ensino do Salnés-Arousa no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. De feito, neste momento están en execución ampliación tan importantes como a do Instituto Plurilingüe Aquis Celenis  (Caldas de Reis, 5,4 M€), a do Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa, 3,7 M€) ou a do Colexio Rosalía de Castro (O Grove, 1,7 M€).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2026