A Xunta propón ao Concello de Vigo e a Zona Franca a celebración dunha reunión para seguir avanzando conxuntamente na potenciación do Ifevi
Así o reflicte unha misiva do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración enviada hoxe a ambas entidades para fixar de común acordo unha data para abordar os seguintes pasos a dar no marco da planificación funcional e estratéxica deste espazo
Na xuntanza analizaríase conxuntamente a nova valoración homologada —encargada polo propio Ifevi a unha empresa especializada independente tralo consenso das tres partes— que reflicte resultados moi semellantes á anterior avaliación
A nova valoración —coñecida recentemente— sinala que o valor actual do complexo rolda os 35 M€, dos que 20 M€ son das construcións propiedade do Ifevi financiadas coas achegas da Xunta e máis de 14,7 M€ ao cedido polo Concello
Este novo documento e a proposta dun novo encontro responden ao compromiso de reforzar a transparencia, a confianza institucional e a consolidación dun modelo de gobernanza tripartito baseado na colaboración leal entre administracións
En paralelo, as partes implicadas avanzan na optimización deste espazo dentro do grupo de traballo creado para tal fin e recentemente lanzouse a licitación da asistencia técnica do proxecto dos plans funcional e estratéxico do Ifevi
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia propón ao Concello de Vigo e a Zona Franca a celebración dunha xuntanza nos próximos días para seguir avanzando na colaboración institucional que as tres partes veñen mantendo para potenciar o Ifevi, un recinto feiral estratéxico para a cidade de Vigo e a súa área de influencia. Así o reflicte unha misiva do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, enviada hoxe a ambas entidades para fixar de común acordo unha data para abordar os seguintes pasos a dar no marco da planificación funcional e estratéxica deste espazo.
Neste contexto, na xuntanza analizaríase conxuntamente a nova valoración homologada dos activos do recinto que encargou o propio Ifevi a unha empresa especializada independente tralo consenso das tres partes e da que recentemente se coñeceron os resultados. Este documento constata uns resultados moi similares aos da realizada anteriormente e tamén encargada polo padroado do Ifevi situando o valor actual do complexo en arredor dos 35 M€, dos que 20 M€ son das construcións propiedade do Ifevi financiadas coas achegas da Xunta e máis de 14,7 M€ ao cedido polo Concello. Cómpre lembrar que a primeira valoración reflicte que o valor do recinto é de 35,6 M€, do que 20,6 M€ corresponde ao achegado polo Goberno galego e 14,9 M€ ao cedido polo Concello.
Este novo documento e a proposta de celebración dunha nova reunión entre o Goberno galego, o Concello de Vigo e Zona Franca para analizalo, responde ao compromiso compartido de reforzar a transparencia, a confianza institucional e a consolidación dun modelo de gobernanza tripartito baseado na colaboración leal entre administracións. Todo isto baixo a premisa da Xunta de que estes traballos deben servir para avanzar na modernización e potenciación do Ifevi sen frear nin demorar as actuacións xa en marcha.
Neste sentido, na misiva o conselleiro traslada de novo a plena disposición da Xunta de Galicia ao diálogo e ao entendemento institucional, pois “só desde a cooperación entre as administracións podemos garantir o máximo aproveitamento das potencialidades do Ifevi como motor económico e feiral de referencia no noroeste peninsular”, subliña.
Traballos en marcha
En paralelo, as partes implicadas avanzan na potenciación do recinto dentro do grupo de traballo creado para tal fin e no que se puxeron en común as principais necesidades e liñas de actuación que cómpre analizar. Neste contexto, a tarefa principal é avanzar con axilidade e, ao mesmo tempo co rigor técnico que aporta o grupo de traballo, para que o recinto poida dispoñer canto antes dunha folla de ruta sólida, en beneficio de Vigo e da súa área de influencia.
Dentro destes traballos, o pasado 5 de febreiro, o padroado do Ifevi aprobou por unanimidade o prego técnico para a licitación da asistencia técnica do proxecto dos plans funcional e estratéxico do espazo, que se lanzou recentemente co fin de deseñar no menor prazo posible e con todas as garantías ambas ferramentas clave para orientar o desenvolvemento futuro do complexo con criterios de planificación, eficiencia e visión a longo prazo.
Deste grupo forman parte representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Vigo, da Deputación de Pontevedra, da Confederación de Empresarios de Pontevedra, da Cámara de Comercio de Pontevedra, da Mancomunidade de Vigo e da Zona Franca. Tamén se integran Conxemar, Navalia e o Salón do Automóbil, como usuarios estratéxicos do recinto.