O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, presidiu o acto de recoñecemento aos traballadores que se xubilaron durante o ano 2025
O Servizo Galego de Saúde homenaxea aos 197 profesionais xubilados da área sanitaria de Santiago e Barbanza tras unha vida dedicada ao servizo público
O xerente do Sergas destaca o compromiso e a vocación deste persoal e a súa contribución a manter un sistema sanitario de calidade
Parada Jorgal subliña o legado que deixan estes profesionais que se tiveron que adaptar constantemente a novos contextos e aos avances tecnolóxicos
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, destacou esta mañá no Hospital Clínico de Santiago o labor e o compromiso dos 197 profesionais da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza que acadaron a súa xubilación ao longo do ano 2025.
Durante a homenaxe, que tamén contou coa participación do xerente da área sanitaria compostelá, Ángel Facio, o responsable autonómico recoñeceu a traxectoria dun persoal que dedicou boa parte da súa vida ao coidado doutras persoas.
"A sanidade pública son persoas e vós sodes o mellor exemplo de responsabilidade, vocación e humanidade", salientou Parada, poñendo en valor a capacidade de adaptación destes profesionais ante contextos cambiantes e os novos avances tecnolóxicos.
Durante o acto, o xerente do Sergas remarcou que o futuro do sistema sanitario se constrúe sobre o esforzo de quen traballou antes, deixando así como legado un servizo máis sólido, humano e comprometido.
"Hoxe recoñecemos unha maneira de facer e de entender o que significa coidar", referiu Parada, desexándolle aos profesionais que acadaron a xubilación unha nova etapa chea de ilusións e proxectos persoais.