Medio Rural salienta a calidade do sector cárnico galego no marco da Feira Alimentaria de Barcelona

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe nunha masterclass con degustación de produtos amparados polas indicación xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega/Buey Gallego

Barcelona, 24 de marzo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe nunha masterclass con degustación de produtos amparados polas indicación xeográficas protexidas (IXP) Ternera Gallega e Vaca Gallega/Buey Gallego celebrada no marco da feira Alimentaria Barcelona 2026, onde salientou a calidade do sector cárnico da nosa comunidade.

A mostra estivo a cargo do cociñeiro Javier Rodríguez “Taki”, de Catering Boketé, que incluíu tamén nos seus pratos produtos amparados polas IXP Pataca de Galicia e Tarta de Santiago, acompañados por viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Na feira, que rematará mañá, están presentes 24 empresas que contan co apoio da Consellería do Medio Rural para amosar as súas elaboracións entre os asistentes. Deste xeito, estes participantes son unha mostra das producións alimentarias de calidade galegas: produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, Agricultura Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria, con producións variadas como carnes, queixos, mel ou produtos de repostería, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2026