Belén do Campo participa na presentación na Coruña o Festival da Luz 2026, un referente cultural, solidario e de promoción do rural galego
A delegada da Xunta destacou que o festival “é un exemplo de como a cultura pode servir como ferramenta de cohesión social e de apoio a causas benéficas, mantendo sempre unha identidade propia ligada ao territorio”
A Coruña, 24 de marzo de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, destacou hoxe na Coruña a importancia do Festival da Luz como “un dos eventos máis singulares do panorama cultural galego e estatal”, durante o acto de presentación da edición 2026 deste encontro que se celebrará en Boimorto os días 28, 29 e 30 de agosto.
Durante a súa intervención, a representante autonómica puxo en valor o papel fundamental de Luz Casal, impulsora deste proxecto, subliñando “a súa implicación coa súa terra natal e o seu compromiso constante coa solidariedade”. Neste sentido, sinalou que o festival “é un exemplo de como a cultura pode servir como ferramenta de cohesión social e de apoio a causas benéficas, mantendo sempre unha identidade propia ligada ao territorio”.
A delegada tamén quixo recoñecer o traballo do Concello de Boimorto e, de maneira especial, da súa alcaldesa, María Jesús Novo a quen definiu como “unha gran embaixadora do seu pobo, que soubo consolidar este evento a nivel nacional, situando a Boimorto no mapa cultural de España”.
A representante do Goberno autonómico tamén salientou o apoio constante da Xunta de Galicia a este festival ano tras ano, un respaldo fundamental que permitiu a súa consolidación como evento de referencia. Grazas a este compromiso institucional, o Festival da Luz puido medrar e fortalecer a súa proposta cultural, contando sempre coa Xunta como un aliado clave para o seu presente e futuro.
Festival da Luz
O Festival da Luz, que acada xa a súa décimo quinta edición, caracterízase polo seu marcado carácter familiar, a súa aposta pola variedade musical e a súa firme vocación solidaria, destinando a totalidade da recadación a fins benéficos, nesta ocasión foron beneficiados cos fondos colleita 2025 a Federación de Sociedades Musicais da Comunidade Valenciana, a Cruz Bermella e a diferentes proxectos locais de Boimorto.
A programación combinará actuacións de distintos estilos musicais, desde o rock ao folk ou o pop, xunto con actividades paralelas como propostas infantís, mercados de artesanía e unha ampla oferta gastronómica baseada en produtos locais.
A representante da Xunta incidiu tamén no valor estratéxico deste evento para a promoción do rural galego, destacando “a capacidade do Festival da Luz para atraer visitantes, dinamizar a economía local e poñer en valor o patrimonio natural e cultural de Galicia”.
Edición 2026
Nesta nova edición, o festival volve apostar por unha programación ecléctica na que conviven xéneros como a electrónica, o funk, a cumbia, o pop, o flamenco e a música de raíz galega, sen esquecer as sesións de DJ que completan a experiencia sonora.
Á cabeza do cartel destacan Pablo Alborán, Nena Daconte ou Cómplices, tres dos nomes máis recoñecidos do pop actual, que lideran unha programación pensada para todos os públicos.
O cartel inclúe propostas para todos os gustos, desde formacións tradicionais como os Santiaguiños de Boimorto, a Banda de Música de Salceda e a Banda de Arzúa, ata espectáculos máis contemporáneos como unha banda tributo ao grupo U2 e unha destacada presenza de grupos novos de corte alternativo.
Entre os artistas confirmados figuran tamén nomes como Ana Paloma, o recoñecido grupo arxentino Ráfaga, referente internacional da cumbia, así como Treixadura, Luar na Lubre ou La Bien Querida, conformando un cartel que combina talento consolidado e novas propostas
Finalmente, a delegada animou á cidadanía a participar nesta nova edición: “O Festival da Luz é unha experiencia única que vai máis alá da música. É convivencia, é solidariedade e é orgullo de país. Convidamos a toda Galicia e a quen nos visite a achegarse a Boimorto e formar parte deste proxecto colectivo”.