O delegado territorial de Ourense supervisa o remate das obras da nova cuberta do CEIP de Prácticas ás que a Xunta destina preto de 125.000€

O delegado territorial explicou que, con esta nova infraestrutura, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional busca mellorar as condicións do centro educativo e garantir unha maior eficiencia enerxética, en liña cos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica impulsado pola Xunta de Galicia

Manuel Pardo salientou que o obxectivo deste plan é dotar aos centros educativos da provincia de Ourense das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas

O representante do Goberno galego detallou que os traballos consistiron na substitución da cuberta e o canlón do patio e a ampliación da zona cuberta coa construción dunha nova cuberta de 97 m2 sobre un patio de 7.95 X 12,20 m

Ourense, 25 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o CEIP de Prácticas, na cidade de Ourense, para supervisar o remate das obras da nova cuberta do centro escolar, ás que a Consellería de  Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destina preto de 125.000 euros.

O delegado territorial explicou que con esta nova infraestrutura, que conta de 97 metros cadrados, búscase mellorar as condicións do centro educativo e garantir unha maior eficiencia enerxética, en liña cos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica impulsado pola Xunta de Galicia.

Neste sentido, recalcou Manuel Pardo, que o obxectivo deste plan é dotar aos centros educativos da provincia de Ourense das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas. "Falamos de obras de eficiencia enerxética, como cambios de cuberta, canlóns e fiestras, illamento de fachadas, así como de reparacións e intervencións de diferentes envergaduras, que contribúen a mellorar o día a día dos centros”, sinalou.

O representante do Goberno autonómico tamén salientou que con esta e todas as actuacións que ten despregadas polos máis de 1.600 edificios escolares da Comunidade, a Xunta reafirma o seu compromiso coa creación de espazos máis accesibles e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade educativa, e destacou que a Xunta leva investidos máis de 210 M€ na rehabilitación, conservación e mellora dos centros de ensino a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “Isto demostra o compromiso do Goberno galego co conservación dos centros nas mellores condicións, de xeito paralelo ao avance que estamos a facer no deseño dos novos colexios e institutos a través deste plan”, afirmou.

As obras

Manuel Pardo detallou que os traballos consistiron na substitución da cuberta  e o canlón do patio e a retirada da antiga cuberta de chapa sinxela apoiada en estrutura metálica cunha auga cara a un canlón de chapa que evacúa en dúas únicas baixantes ao saneamento xeral. Así mesmo, quitáronse todos os elementos de cuberta deixando a estrutura de sostén existente preparada para apoiar a nova cuberta de paneis metálicos de chapa sándwich e o novo canlón de chapa de aceiro galvanizado que desaugará a varias baixantes. A continuación, procedeuse á limpeza e pintado da estrutura metálica actual (piares, vigas e correas) con esmalte cor branca. Ademais colocouse un faldón de chapa ondulada micro perforada na zona alta da cuberta para evitar a entrada de auga de choiva ao patio cuberto.

Tamén se acometeu a ampliación da zona cuberta coa construción da nova cuberta de 97 m2 sobre un patio de 7.95 X 12,20 m situado ao norte que linda co edificio do IES 12 de Outubro. Proxectouse unha estrutura independente a base de piares, pórticos e correas metálicas e sobre ela paneis de chapa sándwich intercalando algúns traslúcidos en policarbonato celular para permitir a entrada de luz natural. A cuberta é a unha auga e dispón de canlón de chapa nun dos seus lados. O canlón conectáse a unha baixante existente da cuberta do patio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026