A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento de Galicia
A Xunta denuncia o intento do Goberno central de amordazar e silenciar ás comunidades na tramitación da reforma do Regulamento Xeral de Costas
Ángeles Vázquez lembra que foron os múltiples defectos de forma do procedemento e a viaxe que realizou a Bruxelas para pedir amparo á Comisión Europea os que levaron ao Executivo central a ampliar o prazo de alegacións ao anteproxecto de real decreto e a remitir ás autonomías a Memoria de análise de impacto normativo
Lamenta a arbitrariedade constante do Ministerio para a Transición Ecolóxica por non celebrar conferencias sectoriais dos asuntos que non lle interesan, malia ser obrigatorias, e facer polo procedemento escrito as que convoca para evitar o debate
A conselleira subliña que algúns dirixentes do Ministerio están inmersos na mentira, con afirmacións que caen por si mesmas como cando dixeron que a lei galega do litoral, que avalou o Constitucional, era unha declaración de independencia
O Executivo galego traslada a preocupación das autoridades comunitarias polo escurantismo que rodea a reforma do regulamento pois temen que poida xerar inseguridade xurídica e litixios posteriores tanto entre administracións como cos titulares de concesións no dominio público marítimo-terrestre
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, denunciou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia o desprezo constante do Goberno central ás comunidades autónomas na tramitación da reforma do Regulamento Xeral de Costas e o intento de amordazalas para facer unha modificación rápida que responda unicamente aos seus intereses.
A representante da Xunta lembrou que o Executivo central iniciou os trámites sen informar previamente ás autonomías, dando pouco prazo para presentar achegas á consulta pública previa e sen convocar a preceptiva Conferencia Sectorial de Costas. Unha situación de escurantismo e de celeridade inxustificada que se repetiu no trámite de audiencia e información pública do anteproxecto de real decreto, publicado o 9 de marzo sen a preceptiva Memoria de análise de impacto normativo (MAIN) e no que inicialmente se outorgou un prazo de só 18 días hábiles para alegar.
A conselleira lembrou que foron os múltiples defectos de forma existentes no procedemento e a viaxe que ela mesma realizou a semana pasada a Bruxelas para pedir amparo á Comisión Europea os que levaron ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a rectificar ampliando o prazo de alegacións ata o 15 de abril -fronte ao 1 de abril inicialmente previsto- e enviando a correspondente MAIN ás comunidades.
Non obstante, o Goberno central segue sen convocar a Conferencia Sectorial de Costas -algo obrigatorio por lei cando se pretende facer unha modificación lexislativa-, o que demostra ese afán de silenciar ás comunidades nesta cuestión. De feito, a negativa a citar ás rexións para abordar este asunto contrasta coa convocatoria onte mesmo dunha Conferencia Sectorial para achegar observacións a un anteproxecto sobre a comercialización de produtos libres de deforestación.
Ángeles Vázquez incidiu en que esa conferencia se articula por procedemento escrito, o que supón un novo desprezo ás comunidades autónomas e ao Estado de Dereito. É dicir, as conferencias sobre asuntos que non lle interesa abordar -como a da reforma do Regulamento Xeral de Costas ou a da xestión do lobo- nin as convoca e nas que convoca, recorre ao procedemento escrito para evitar un verdadeiro debate.
Nesta liña, a conselleira lamentou que o Ministerio e algúns dos seus dirixentes -caso do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán- están inmersos no escurantismo e na mentira, con afirmacións que se descualifican por si mesmas e que son desmontadas poucos días despois coas rectificacións do Goberno central. Por iso, asegurou que é asombroso que unha comunidade teña que advertilos de que están a facer as cousas mal, especialmente cando son reincidentes, ao estar no seu terceiro intento de reformar o regulamento pola porta de atrás.
A responsable autonómica recordou ademais que o secretario de Estado de Medio Ambiente é o mesmo que no seu día dixo que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) era como unha declaración de independencia, unha normativa que foi avalada polo Tribunal Constitucional e que foi a que permitiu a asunción plena das competencias na xestión do dominio público marítimo-terrestre por parte de Galicia.
O pretexto de Bruxelas
Ángeles Vázquez tamén salientou que o pretexto de que se reforma o Regulamento Xeral de Costas por orde de Bruxelas é unha falsidade máis, pois o Executivo comunitario o que pide é que se reforme a Lei de Costas -non o regulamento- para adaptala á directiva de servizos. Pola contra, o Goberno central opta por esta vía recoñecendo a súa debilidade parlamentaria co único fin de limitar as concesións e derrogar tanto prórrogas ordinarias como extraordinarias e equiparando instalacións do complexo mar-industria como depuradoras ou conserveiras cos chiringuitos e outros servizos temporais.
Ademais subliñou que a urxencia que supostamente ten a Comisión Europea non é tal, como demostra o feito de que Italia ten aberto un procedemento semellante desde o ano 2016 e polo momento non lle impuxo ningún tipo de sanción.
Na mesma liña, a conselleira advertiu de que as autoridades comunitarias están preocupadas polo escurantismo co que está a actuar o Executivo central pois temen que a reforma que entre en vigor xere inseguridade xurídica e litixios posteriores, así como un conflito social polo impacto negativo que a reforma pode ter, entre outras cousas pola conculcación de dereitos adquiridos por parte dos titulares de concesións no dominio público marítimo-terrestre que leva implícita.