O IES de Cacheiras, en Teo, reforza a convivencia escolar coas actividades da súa V Semana Cultural
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, felicita ao centro en nome da Xunta por esta iniciativa que inclúe charlas e obradoiros variados
Teo (A Coruña), 26 de marzo de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse hoxe ao Instituto de Cacheiras, no Concello de Teo, para compartir coa comunidade escolar o abano de actividades que desenvolve estes días o centro con motivo da súa V Semana Cultural.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP gabou a implicación do profesorado, do alumnado e das familias nesta iniciativa afianzada xa coma un punto de encontro e de intercambio que contribúe a enriquecer o sistema desde o punto de vista da convivencia e a integración.
Baixo o título Ilumínate, a programación cultural do instituto abrangue charlas e encontros con persoas e colectivos de referencia da contorna, presentación de libros coa presenza dos seus autores, talleres de teatro e obradoiros organizados polo propio centro entre os que destacan o taller de siluetas vitorianas, cámara escura, luminogramas, o arco da vella ou unha sesión de dilemas, así como actividades do seu Clube de Ciencia.