O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, defendeu no Parlamento de Galicia a xestión deste centro hospitalario
A Xunta reafirma o compromiso co reforzo da rede asistencial do Hospital psiquiátrico de Conxo e a mellora progresiva das súas instalacións
O Executivo galego investiu preto de 850.000 euros en 2025 na mellora das cubertas do hospital compostelán
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, reafirmou esta tarde no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta co reforzo da rede asistencial que ofrece o Hospital psiquiátrico de Conxo, así como coa mellora progresiva das súas instalacións.
Durante a súa intervención na Comisión 5ª da Cámara galega, Silva puxo en valor os investimentos realizados polo Executivo galego para mellorar o Hospital psiquiátrico de Conxo, unha infraestrutura na que, só no ano 2025, se investiron preto de 850.500 euros no cambio de cubertas.
Ademais, o director xeral lembrou que recentemente tamén se rehabilitaron as súas unidades de hospitalización, o taller de laborterapia, o invernadoiro ou as áreas de descanso exteriores.
Silva destacou o carácter prioritario que ten para o Goberno galego a atención á saúde mental, cunha estratexia que pasa por potenciar a atención comunitaria en tres niveis (centros de saúde, unidades de saúde mental e recursos sociosanitarios), para garantir que cada paciente reciba un tratamento individualizado e que favoreza, sempre que sexa posible, o seu retorno á comunidade.
Avanzou que proximamente se presentará o novo Plan de saúde mental, do que xa se foron desenvolvendo actuacións como a creación dun programa de primeiros episodios de psicose e a unidade de psicoxeriatría na área da Coruña; o incremento das camas para pacientes agudos no centro de Oza, tamén na Coruña; o aumento de camas de hospitalización da unidade infanto-xuvenil de Vigo; ou o impulso do novo hospital de día infanto-xuvenil de Ferrol. Ademais, puxo en valor a recente creación da rede de psicoloxía de atención primaria.
Na mesma liña, trasladou que unha das liñas transversais do novo Plan de saúde mental serán as actuacións de humanización e loita contra o estigma que afectan directamente aos hospitais psiquiátricos como o de Conxo.
O director xeral de Asistencia Sanitaria enumerou os obxectivos da Consellería de Sanidade en relación coa saúde mental e ao Hospital psiquiátrico de Conxo: “seguir mellorando as instalacións, seguir mellorando a habitabilidade, seguir reforzando procedementos e seguridade, seguir impulsando a rehabilitación individualizada e seguir fortalecendo a rede comunitaria e sociosanitaria para que menos persoas precisen ingresos tan prolongados”.
Finalmente, indicou que no Hospital psiquiátrico de Conxo o número de pacientes con ingresos de longa duración rexistrou un descenso do 36 % desde 2014 e explicou que este tipo de situacións obedecen á complexidade clínica dos pacientes, aos ritmos individuais de recuperación e, nalgúns supostos, á insuficiencia doutros dispositivos sociais ou sociosanitarios para manter a estabilidade fóra do medio hospitalario.