A cidadanía galega está chamada a doar sangue nas xornadas previas aos festivos de Semana Santa

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue desprazará as súas unidades móbiles ata 33 concellos galegos para acadar máis de 400 doazóns de sangue diarias e, deste xeito, manter estables as reservas de todos os grupos sanguíneos

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convida á cidadanía a doar sangue nas xornadas previas aos festivos de Semana Santa. Para facilitar o acceso á doazón de todos os galegos e galegas, ADOS desprazará as súas unidades móbiles ata 33 concellos, existindo tamén a posibilidade de participar nun dos locais de atención permanente ao doante de sangue existentes nas sete grandes cidades galegas.

As datas festivas poden provocar unha diminución na participación dos doantes polo que a Axencia chama a doar aos cidadáns para acadar unhas 400 doazóns de sangue diarias, as precisas para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos.

Colaboración dos doantes

A Axencia quere agradecer a solidariedade de todas as persoas que doan sangue, xa que co seu xesto, contribúen a posibilitar o intenso labor asistencial dos hospitais galegos. Cada día, os hospitais galegos atenden unha media de 2.800 urxencias, realizan 800 intervencións cirúrxicas e un transplante de órganos, así como realizan 1.600 atencións nos hospitais de día. Unha elevada porcentaxe deste intenso labor asistencial precisa do sostemento de compoñentes sanguíneos que só é posible obter da doazón de sangue.

Co obxectivo de incrementar a participación dos doantes, as unidades móbiles da ADOS realizarán, no transcurso da presente semana, os seguintes desprazamentos:

DATA

DESPRAZAMENTOS

Luns 30 de marzo

Milladoiro (Ames), Arzúa, Abegondo, Barrio Los Rosales (A Coruña), Narón, Praza Maior (Lugo), Meira, Barrio do Vinteún e Rúa do Paseo (Ourense), Caldas de Reis, O Rosal e Salceda de Caselas

Martes 31 de marzo

Carballo, Carral, Melide, Sigüeiro (Oroso), Valdoviño, Burela, A Valenzá (Barbadás), Baiona, Sanxenxo e Barrio O Calvario (Vigo)

Mércores 1 de abril

Ares, Carballo, Barrio Monte Alto (A Coruña), Negreira, Ribeira, Verín, Cambados, Cangas do Morrazo, Lalín e Porriño

Sábado 4 de abril

Carballo, Ribeira, Sada, Cambados, Lalín e Porriño

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2026