Román Rodríguez anuncia a adxudicación da rehabilitación integral do Colexio de Campo Lameiro por preto de 700.000€

O conselleiro de Educación visita o centro para presentar o proxecto, que ten un prazo de execución de nove meses, unha vez se inicien os traballos

A Consellería de Educación está a investir máis de 19,5 M€ en obras nos centros educativos da área de Pontevedra no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Campo Lameiro (Pontevedra), 27 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta vén de adxudicar por preto de 700.000 € a obra de rehabilitación integral do Colexio Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro á empresa Obras y Servicios Gómez Crespo. Fíxoo nunha visita ao centro, na que presentou o proxecto da intervención e explicou que ten un prazo de execución de nove meses, unha vez se inicien os traballos.

“O obxectivo da obra é mellorar o confort térmico do colexio e a súa eficiencia enerxética, conseguindo un aforo superior ao 85% en consumo e en emisións”, sinalou Román Rodríguez, “o que vai redundar nunha mellora no día a día da comunidade escolar de Campo Lameiro”, incidiu. “Precisamente con este obxectivo temos xa en marcha as primeiras 16 obras deste ano, cun investimento total de máis de 16 M€”, afirmou o conselleiro, que recordou que, no conxunto de 2026, o investimento da Xunta en melloras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.

No que atinxe á área de Pontevedra, destacou que o Goberno galego está a investir máis de 19,5 M€ na renovación e modernización nos colexios e institutos da zona no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Ademais das realizadas na cidade do Lérez, destacan pola súa envergadura as rehabilitacións integrais do CEIP de Seara (Moaña, 860.000 €) e do CEIP de Sequelo-Marín (825.000 €), as reparacións dos danos do temporal no IES María Soliño (Cangas, 675.000 €) e o cambio de cubertas no CEIP do Carballal (Marín, 500.000 €). Así mesmo, está en licitación a rehabilitación integral do CEIP O Seixo (Marín 1,1 M€).

Envolvente e accesibilidade

O programa de actuacións no CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño inclúe a renovación da envolvente, co cambio de 1.226 m² cuberta por unha nova de panel sándwich con illamento térmico, o revestimento exterior das fachadas con sistema de illamento térmico SATE (1.328 m²) e a substitución das carpinterías exteriores por outras de alta eficiencia enerxética, un total de 38 unidades entre fiestras e portas. No interior do centro instalaranse 290 luminarias e novos falsos teitos e cambiarase a caldeira existente por unha de pellets.

A maiores, dotarase o edificio de ramplas en cambios de niveis e dun baño adaptado na planta baixa, co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2026