As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitan esta semana 33 concellos para incentivar a participación da cidadanía

A ADOS lembra a necesidade de acadar máis de 400 doazóns de sangue diarias para garantir as reservas de todos os grupos sanguíneos

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026

As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) visitan ao longo da presente semana un total de 33 concellos para facilitar o acceso á doazón da cidadanía galega. Estas visitas forman parte da campaña de doazón que a Axencia desenvolve con motivo das datas de Semana Santa e que ten como obxectivo manter a participación da cidadanía e, deste xeito, garantir a estabilidade das reservas de todos os grupos sanguíneos.

A ADOS salienta que as datas festivas ou os períodos vacacionais repercuten na participación da cidadanía nas campañas de doazón, polo que resulta preciso lembrar que todos os días son necesarias máis de 400 doazóns de sangue para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos.

Facilidades para doar

Ademais das dez unidades móbiles da ADOS, os cidadáns tamén teñen a posibilidade de doar sangue nun dos locais de atención permanente ao doante de sangue existentes nas sete grandes cidades galegas.

Co obxectivo de incrementar a participación dos doantes, as unidades móbiles da ADOS realizarán, no transcurso da presente semana, os seguintes desprazamentos:

DATA

DESPRAZAMENTOS

Martes 31 de marzo

Carballo, Carral, Melide, Sigüeiro (Oroso), Valdoviño, Burela, A Valenzá (Barbadás), Baiona, Sanxenxo e Barrio O Calvario (Vigo)

Mércores 1 de abril

Ares, Carballo, Barrio Monte Alto (A Coruña), Negreira, Ribeira, Verín, Cambados, Cangas do Morrazo, Lalín e O Porriño

Sábado 4 de abril

Carballo, Ribeira, Sada, Cambados, Lalín e O Porriño

A Axencia quere agradecer a solidariedade de todas as persoas que doan sangue, xa que co seu xesto, contribúen a posibilitar o intenso labor asistencial dos hospitais galegos. Neste sentido, salientar que, diariamente, os hospitais galegos atenden unha media de 2.800 urxencias, realizan 800 intervencións cirúrxicas e un transplante de órganos, así como realizan 1.600 atencións nos hospitais de día. Unha elevada porcentaxe deste intenso labor asistencial precisa do sostemento de compoñentes sanguíneos que só é posible obter da doazón de sangue.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2026