A Xunta colabora na segunda edición do Torneo Lugo Debate, que se celebrará do 9 ao 11 de abril
Lugo, 31 de marzo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da segunda edición do Torneo Lugo Debate, que se celebrará entre os días 9 e 11 de abril na Escola Universitaria de Relacións Laborais e no Círculo das Artes, que acollerá a xornada final.
Arias sinalou que o Goberno galego colabora de novo con esta iniciativa da asociación Máis debate, “que estimula á mocidade a adestrar a súa capacidade argumentativa e a construír un pensamento crítico”. Durante o torneo desenvolverase un programa complementario con actividades culturais, talleres, charlas e visitas turísticas.
O evento completou todas as prazas e reunirá a máis de 200 estudantes organizados en 30 equipos de centros educativos de toda Galicia. Disporán de 15 minutos de preparación antes de cada debate, que versará sobre temas de interese xeral; o premio será unha viaxe a Bruxelas.