Medio Rural e as organizacións agrarias Asaga e UUAA acordan esixir melloras na Lei estatal da cadea alimentaria para protexer os produtores
Os directores de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria reuníronse hoxe con representantes destas entidades, con quen acordaron a elaboración dun documento para remitir ao Goberno central
Trátase de adaptar a normativa que regula a contratación no sector do lácteo, de maneira que se protexa de forma real e efectiva aos gandeiros, asegurando a súa viabilidade, tanto na seguridade de venda do leite como da cobertura dos seus custos
Esíxese que, no caso de que non sexa posible chegar a un acordo entre produtores e industrias nos contratos, exista a posibilidade efectiva de recollida do leite, para poder contar con marxe de tempo para debater e acadar un novo acordo
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026
A Consellería do Medio Rural presentará ante o Goberno central un documento elaborado de xeito conxunto con Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) para esixir, unha vez máis, melloras na Lei da cadea alimentaria, así como no Paquete lácteo, co fin de protexer os produtores no contexto de sinatura de contratos. O obxectivo é que se introduzan modificacións nesta lexislación de cara a blindar que o leite non quede sen recollida no caso de non chegar a un acordo nestes contratos antes da data de inicio das entregas. Así o anunciaron hoxe os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, despois de manter unha xuntanza con representantes destas organizacións profesionais agrarias.
Nesta reunión destacouse a necesidade de modificar dita normativa estatal e asemellala ao establecido no Paquete lácteo respecto á venda por debaixo dos custos de produción. Trátase de que tanto os gandeiros, como a industria, e a propia administración teñan un indicador para fixar ese limiar que evite a venda a perdas, de forma que o prezo cubra os custos e aporte marxe de beneficio, como ocorre en calquera outra actividade económica.
Esíxese tamén que, no caso de que non sexa posible chegar a un acordo entre produtores e industrias, exista unha posibilidade efectiva de recollida do leite para poder contar con marxe de tempo para debater e acadar un novo acordo. Neste contexto, José Balseiros reclamoulles responsabilidade ás industrias á hora de garantir a estabilidade nos prezos para, entre todos, garantir a sustentabilidade do sector e afianzar a remuda xeracional, que se apoia de xeito decisivo desde a Xunta. Por último, fixo un chamamento aos consumidores para que aposten polo selo Galega 100%.
Reforzo dos controis
Tal e como trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a semana pasada no marco da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e dos Consellos Consultivos de Política Agrícola e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, por parte do Goberno autonómico estase a incidir na necesidade de demandar unha maior implicación por parte do Ministerio para facer fronte á situación actual do sector lácteo, marcada pola redución do prezo nos contratos ofrecidos aos produtores e agravada polo incremento dos custes de produción derivados do conflito en Oriente Medio.
A Xunta está xa a actuar neste materia, cun reforzo nos controis para verificar que se cumpre a lexislación na sinatura destes contratos; así como con accións para verificar a trazabilidade do leite e detectar posibles incumprimentos no etiquetado respecto á súa orixe. Neste contexto, tamén se ten solicitado á Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA), adscrita ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, que actúe neste eido de xeito urxente e contundente e, de ser o caso, tamén a Comisión Nacional do Mercado e a Competencia.