A Xunta abre mañá o prazo de solicitudes da nova convocatoria do programa Conecta co voluntariado en Galicia centrado na mocidade galega no exterior

O DOG publica hoxe a edición de 2026 desta iniciativa dirixida a persoas de entre os 21 e os 30 anos e que busca facilitar o contacto coa realidade galega e a convivencia entre persoas de distintas procedencias con actividades culturais e medioambientais

Oferta 40 prazas para a mocidade galega residente no exterior e outras 10 para mozas e mozos residentes en Galicia co fin de favorecer o intercambio de experiencias e a creación de redes entre ambas realidades

O campo de voluntariado ambiental desenvolverase entre o 23 de xullo ao 3 de agosto na ría de Arousa e o de voluntariado cultural entre o 26 de agosto ao 6 de setembro no castro de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 2026 do programa Conecta co Voluntariado en Galicia, unha iniciativa destinada á mocidade galega do exterior co obxectivo de facilitar o contacto coa realidade galega, o coñecemento da súa contorna e a convivencia con outras persoas de distintas procedencias, a través da participación en actividades de voluntariado cultural e medioambiental. As persoas interesadas poderán cursar as súas solicitudes desde mañá ata o 4 de maio.

En concreto, este programa —impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude— diríxese a persoas de entre os 21 e os 30 anos. Con el, ofértanse 40 prazas e, a maiores, outras 10 para mozos e mozas que viven en Galicia, co fin de favorecer a convivencia, o intercambio de experiencias e a creación de redes entre ambas realidades.

Das prazas para a mocidade exterior, 20 serán para o campo de voluntariado ambiental, que se desenvolverá entre o 23 de xullo ao 3 de agosto e consistirá en realizar tarefas de adecuación do espazo ambiental mariño e costeiro na ría de Arousa. As outras 20 prazas serán para o campo de voluntariado cultural, que terá lugar entre o 26 de agosto ao 6 de setembro e levarase a cabo no castro de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei, onde as persoas participantes colaborarán co equipo de escavación e conservación deste xacemento.

No marco desta convocatoria, a Xunta de Galicia asume a organización da viaxe, os traslados dos participantes e o custo dos billetes de avión. Tamén cubre o aloxamento e a manutención en Galicia. Entre os requisitos que se exixen están ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoas emigrantes galegas, posuír nacionalidade española e estar vinculadas a un concello galego a través do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de tres meses contados desde o día da publicación da convocatoria no DOG.

Ligazon á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260401/AnuncioG0767-120326-0001_gl.html

Data de actualización: 01/04/2026