Belén do Campo traslada o apoio da Xunta a asociación “Fibro visibles” para avanzar na atención ás persoas que padecen as enfermidades “invisibles”

A delegada da Xunta destacou que é fundamental dar visibilidade a estas doenzas, que afectan de xeito profundo a quen as sofre, aínda que non sempre sexan recoñecidas socialmente nin doadamente diagnosticadas

A Coruña, 1 de abril de 2026.- A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo un encontro de traballo con representantes da Asociación de Fibromialxia e Outras Enfermidades Invisibles (Fibro Visibles) co obxectivo de recoller as súas propostas e coñecer de primeira man as iniciativas que están a desenvolver en favor das persoas afectadas por enfermidades invisibles. Esta entidade conta con 143 socios e forman parte do Consello Asesor do Paciente. Na reunión lle trasladaron á delegada a necesidade dun novo local.

Durante a reunión, a representante do Goberno autonómico trasladou o apoio da Xunta de Galicia ás persoas que padecen estas patoloxías e puxo en valor o labor da asociación na defensa dos seus dereitos, na visibilización da súa realidade e no acompañamento diario aos pacientes e ás súas familias.

“É fundamental dar visibilidade ás chamadas enfermidades invisibles, que afectan de xeito profundo a quen as sofre, aínda que non sempre sexan recoñecidas socialmente nin doadamente diagnosticadas”, sinalou Belén do Campo, quen reafirmou o compromiso do Goberno galego co benestar e a atención das persoas afectadas por estas enfermidades crónicas.

Neste sentido, a delegada lembroulles que desde a Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria trasladóuselles recentemente a posibilidade de traballar no marco dos plans locais de saúde de diferentes áreas de atención primaria, co fin de incorporar propostas como a creación dunha unidade multidisciplinar que atenda a pacientes con fibromialxia, covid persistente, endometriose, fatiga crónica ou hipotiroidismo.

Ademais, a representante do Goberno autonómico puxo en valor a evolución desta entidade, que tras un ano de actividade como agrupación de persoas afectadas pola fibromialxia deu o paso en febreiro de 2025 a constituírse como asociación de carácter autonómico. A organización naceu co obxectivo de dar visibilidade a estas enfermidades que, aínda que non se perciben a simple vista, condicionan profundamente a vida de quen as padece.

A asociación, con orixe na Coruña pero vocación de alcance en toda Galicia, traballa para concienciar á sociedade sobre a realidade diaria dos pacientes, incluíndo as dificultades emocionais e sociais asociadas, como a incomprensión, a ansiedade ou a frustración.

Entre as súas iniciativas máis destacadas figuran campañas de sensibilización, proxectos culturais e divulgativos e unha recollida de sinaturas para impulsar a creación dunha unidade multidisciplinar de fibromialxia en Galicia, así como a colaboración con distintas institucións públicas e académicas e a celebración do Día Mundial da Fibromialxia e Síndrome Fatiga Crónica, no que participou, o ano pasado, a delegada e que este ano terá lugar o 12 de maio.

A representante do Goberno autonómico agradeceu o compromiso e a implicación da asociación e destacou a importancia de manter unha colaboración activa entre administracións e entidades sociais para avanzar na mellora da calidade de vida das persoas afectadas por estas enfermidades.

Finalmente, Belén do Campo reiterou a vontade da Xunta de seguir escoitando as demandas do colectivo e traballar de maneira conxunta para avanzar no recoñecemento e na atención destas patoloxías.



Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2026